25N | A Lama chama á implicación cidadá na loita contra a violencia de xénero

A Lama
25 de novembro 2025

A Lama combina actos institucionais e obradoiros formativos para combater o machismo desde a escola

Lectura dun manifesto no Concello da Lama
Lectura dun manifesto no Concello da Lama / Concello da Lama

O Concello da Lama conmemorou este 25 de novembro o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller cun acto institucional no que a concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Trinidad Fernández Oubiña, deu lectura ao manifesto en nome de toda a Corporación Municipal.

Arroupárona o alcalde, David Carrera, o tenente de alcalde, José Fortes, e profesionais do Centro de Información á Muller (CIM): a avogada Adriana Fontaíña e a psicóloga Galiza Aguete.

Durante a lectura, Fernández Oubiña puxo o foco nas novas formas de violencia dixital, como o ciberacoso, a extorsión ou a difusión de imaxes íntimas sen permiso, e subliñou a necesidade de abordar estas problemáticas desde todos os ámbitos. O manifesto recordou ademais que "o principal factor de risco segue a ser o feito de ser muller”, polo que cómpre reforzar as políticas públicas integrais e garantir que todas as vítimas coñezan os recursos dispoñibles.

O Concello reiterou así o seu compromiso coa defensa dos dereitos e da seguridade das mulleres, convidando á veciñanza a implicarse activamente nesta causa común.

O Concello da Lama activou un amplo programa de sensibilización e educación en igualdade grazas ao apoio económico da Deputación de Pontevedra e do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. As accións, coordinadas polo CIM e a OMIX, inclúen actividades culturais, formativas e lúdicas destinadas ao público infantil e á comunidade educativa.

A programación botou a andar o 11 de novembro co espectáculo musical Cantos e Contos, de Músicas Miúdas, na Biblioteca do CEIP da Lama. Xa o 30 de outubro tivera lugar un taller de igualdade con motivo do Samaín, no que máis de medio cento de nenas e nenos se achegaron á ciencia con perspectiva de xénero e reinterpretaron contos tradicionais en clave igualitaria.

O calendario continuará o 27 de novembro con catro talleres no CEIP da Lama centrados na prevención e detección temperá da violencia machista. O 14 de decembro será a quenda do dúo Desconcerto, que ofrecerá un recital de música reivindicativa contra a violencia de xénero, acompañado de talleres infantís coincidindo co Mercadiño Artesanal de Nadal.

De cara ao período vacacional, están previstos dous novos obradoiros no Centro Multiusos, dirixidos ao alumnado de Primaria. Impartidos por unha psicóloga especializada, abordarán a igualdade de oportunidades, a identificación de estereotipos e roles de xénero, o pensamento crítico e ferramentas para identificar e afrontar situacións de machismo.