O Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller tamén é visible este 25N nos xardíns da cidade de Pontevedra. A iniciativa dos 'xardíns que falan' alzou a súa voz contra as violencias machistas que sofren as mulleres e invitan á cidadanía a reflexionar.
Así, nos xardíns de Casto Sampedro preparouse unha composición de flores e bolboretas violetas e instalouse un banco morado no que pode lerse a seguinte invitación a reflexionar: 'Senta e pensa... No último machismo ante o que calaches #25N'.
Tamén os da Praza de España amenceron cunha fermosa composición floral, conformando unha senda percorrida por unhas botas desa cor violeta que simboliza a loita feminista.
Para a realización destas composicións artísticas, o departamento de Medio Natural contou coa colaboración da empresa Troquiña, especializada en xardinería e paisaxismo.
O banco reivindicativo foi inaugurado esta mañá nun acto no que participaron o tenente de alcalde, Tino Fernández, e a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, acompañados doutros militantes socialistas que asistiron ao remate do acto institucional Violencia Zero.
Os 'xardíns que falan' xa ofreceron diversas instalacións artísticas noutras datas sinaladas ou eventos como a semana do Orgullo LGTBIQ, o Samaín, o Aninovo ou mesmo a campaña de vacinación contra a covid-19.
Ao igual que en anteriores intervencións, empregadas por multitude de pontevedreses e turistas para sacar fotografías e subilas a redes sociais, o Concello convida a veciños e visitantes a sumarse a esta campaña subindo as imaxes empregando as etiquetas #XardínsqueFalan e #25NPontevedra".