Internas con mensaxes a prol da liberdade da muller realizan unha performance no Centro Penitenciario da Lama

A Lama
09 de abril 2022

Dentro do programa 'Violencia Zero' da Deputación realizábanse dous obradoiros para que as mulleres ingresadas na prisión reflexionasen sobre os coidados e a relación da muller coa maternidade. As arteterapeutas Marta Díez e Isa Merino e a escultora Pilar V. de Foronda realizaron actividades durante a semana cun grupo de quince internas

Autoridades e participantes nesta actividade de 'Violencia Zero'
Autoridades e participantes nesta actividade de 'Violencia Zero' / Deputación de Pontevedra

A  Deputación levou durante esta semana o seu programa 'Violencia Zero' ao Centro Penitenciario da Lama co obxectivo de sensibilizar ás internas fronte á violencia machista. O colofón ás actividades chegou este venres coa performance 'O libro como obxecto' realizado por quince internas na que expresaron mensaxes a favor da liberdade das mulleres.

Ao longo dos últimos días as arteterapeutas Isa Merino e Marta Díez, en colaboración coa escultora Pilar V. de Foronda, realizaron sesións formativas coas participantes. Para desenvolver a acción utilizáronse textos de autoras tan destacadas como Silvia Plath e Anne Sexton. A través deste punto de partida, as integrantes reflexionaron dun modo crítico sobre os coidados e a relación das mulleres coa maternidade, analizando roles que habitualmente son asignados á muller.

Durante as sesións, as internas realizaron intervencións utilizando os libros elaborando colaxes con imaxes. A proposta busca deconstruír os referentes da educación clásica sobre o amor romántico, tóxico e xerador de violencia machista. O resultado do traballo ofreceu un chamamento á liberdade de todas as mulleres para decidir sobre a súa propia vida sen imposicións.

Ao acto deste venres asistiron as deputadas Vitoria Alonso e Noemí Outeda, ademais de David Carrera, tenente alcalde da Lama. 'Violencia Zero' é un programa da Deputación de Pontevedra para fomentar a loita feminista e visibilizar o talento das mulleres a través de diferentes actividades artístico-culturais.