260.000 euros axudarán a mellorar a imaxe e os servizos do núcleo dos Castros

Cerdedo Cotobade
15 de decembro 2023

Luis López, presidente da Deputación, e Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, asinaron un convenio de colaboración enmarcado no programa provincial PON2030 para acometer estes traballos no municipio

Luis López, presidente da Deputación, e Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade Deputación de Pontevedra

Este venres asinaban un convenio de colaboración o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, para que a institución provincial financie con máis de 220.000 euros, o 85% do orzamento, os traballos previstos para humanizar e mellorar as infraestruturas do núcleo dos Castros, no municipio de Cerdedo-Cotobade.

Estes fondos forman parte do Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030).

O Concello achegará 40.000 euros, o 15% restante do investimento previsto.

Os traballos están orzados en 260.000 euros e o proxecto contempla a renovación dos servizos desta rúa da parroquia de Quireza. Renovarase o pavimento e crearase unha zona axardinada na contorna da igrexa, ademais de mellorar o mobiliario urbano.

Tamén está previsto que se renove a iluminación con 17 luminarias con tecnoloxía LED e actualizarase o sistema de recollida de pluviais e de abastecemento. 

As obras, segundo recolle o convenio, deberán finalizarse antes do 30 de abril de 2025

Luis López, tras a sinatura, destacaba o esforzo e a cooperación do goberno provincial co do Concello para transformar espazos urbanos.