276 farmacias da provincia procesan autotest covid-19

Pontevedra
31 de xullo 2021

Esta é a primeira fin de semana en que as persoas de entre 13 e 35 anos sen pauta completa de vacinación poden achegarse ás farmacias para realizar este test e recibir un documento que acredite o resultado da proba. En caso negativo, ese informe permitirá que accedan ao interior da hostalería e locais de ocio nocturno

Farmacia en Pontevedra
Farmacia en Pontevedra

Esta é a primeira fin de semana en que as persoas con idades comprendidas entre 13 e 35 anos, sen pauta completa de vacinación, poderán acudir a unha farmacia para realizar un test de autodiagnóstico covid e recibir un documento que acredite o resultado da proba.

As persoas contarán cun máximo de catro probas nalgunha das 276 farmacias da provincia que se sumaron a esta iniciativa coa intervención de 732 profesionais farmacéuticos.

As persoas interesadas, pertencentes á poboación diana, deben solicitar o test de  autodiagnóstico na farmacia. O profesional comprobará se a persoa forma parte do Programa establecido polo Sergas. No caso de que sexa así, o interesado deberá asinar un consentimento informado e se é menor de 16 anos deberán ser os seus pais ou titores legais quen o asinen. A continuación, o persoal farmacéutico indicaralle como realizar a toma da mostra nunha zona habilitada no propio establecemento.

O farmacéutico procesará a mostra e comunicará o resultado ao Sergas para facilitar o documento co resultado ao solicitante. Se o resultado é positivo, iniciarase o protocolo previsto polas autoridades sanitarias e o farmacéutico xa indicará á persoa que se ille no seu domicilio e espere a que contacten con ela.

En caso de resultado negativo, o documento permitirá acceder a interiores de establecementos hostaleiros e locais de lecer de Galicia.

Para a xestión da cita do test de  antígenos nas farmacias, o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra puxo en marcha unha aplicación web a través de  citafarmacia.cofpo.org

Alba Soutelo, presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, lembra tamén que a Consellería de Sanidade e os catro colexios oficiais en Galicia ampliaron a calquera persoa que se atope no territorio de Galicia para realizar a auto-recollida da súa mostra e realizar estas probas para detectar positivos.