28M | O empuxe de Rafa Domínguez non impedirá un novo bipartito con Lores á fronte

Pontevedra
28 de maio 2023

Rafa Domínguez é un dos grandes triunfadores destas eleccións. Sumou dous edís máis aos nove que conseguiu hai catro anos. Cos seus once concelleiros, queda a tan só dous da ansiada maioría absoluta. Miguel Anxo Fernández Lores seguirá catro anos máis como alcalde de Pontevedra. Para iso, iso si, terá que renovar o seu pacto de goberno cos socialistas

Resultados das eleccións municipais do 28M en Pontevedra David López / PontevedraViva

Non houbo sorpresas. Miguel Anxo Fernández Lores seguirá catro anos máis como alcalde de Pontevedra. Será para el, o seu sétimo mandato consecutivo á fronte da cidade do Lérez. Para iso, iso si, terá que renovar o seu pacto de goberno cos socialistas.

Pero aínda que non gobernará, Rafa Domínguez é un dos grandes triunfadores destas eleccións. Sumou dous edís máis aos nove que conseguiu hai catro anos. Cos seus once concelleiros, queda a tan só dous da ansiada maioría absoluta.

É o mellor resultado do PP desde 2011, cando Telmo Martín no seu segundo intento por alcanzar a Alcaldía obtivo eses mesmos once edís, aínda que cunha porcentaxe de voto lixeiramente superior ao que logra Domínguez nesta ocasión.

Co 100% de votos escrutados, o PP recibiu o 38,85% dos votos (16.096), oito puntos máis que hai catro anos

O BNG de Fernández Lores sofre un bo castigo e deixa polo camiño dous dos seus once concelleiros. Os pontevedreses, cun 31,34% dos votos (13.000), concédenlle nove edís. Perdeu oito puntos porcentuais con respecto ás eleccións municipais de 2019.

Motivos de celebración terán tamén os socialistas, que cumpren coas súas expectativas e aumentan a súa presenza na corporación e, se revalidan pacto cos nacionalistas, tamén terán máis cota de goberno.

Da candidatura liderada por Iván Puentes foron o 17,71% dos votos (7.340). É case un 4% máis dos apoios que o PSdeG-PSOE obtivo en 2015 con xeito Fernández á fronte.

Os tres principais partidos serán os únicos con representación na nova corporación.

Ciudadanos, igual que lle pasou no resto de Galicia, queda fóra. Perde o edil que conseguiu en 2019. Se entón superou os 2.100 votos, cun 5,17% dos sufraxios, nesta ocasión apenas sumaron 396, o que se traduce nun 0,95% dos apoios.

Da cuarta praza caen ata a última posición, superados polo resto dos partidos que aspiraban a estrearse na corporación municipal pontevedresa.

Entre eles, aumenta o apoio a Vox, que sobe ata os 1.455 votos. Pero o seu 3,51% queda aínda lonxe de optar ás actas de concelleiros, xa que a lei electoral obriga a superar o 5% dos votos, unha barreira que queda aínda bastante lonxe.

Pontevedra Alternativa con Carlos Fontán como candidato, pola súa banda, suma 952 votos (2,29%); mentres que o segundo intento de María Rey, esta vez liderando a Espazo Común obtén a sexta praza cun 1,42% dos votos (592).

Por detrás quedaron Podemos con Luisa Lores, con 580 votos (1,39%); e PACMA, que debutaba nunhas municipais e cuxo candidato, Alberto de Salazar, atraeu a 480 votantes (1,15%).

Arquivado en