37 denuncias na campaña de control de patinetes e bicicletas realizada pola Policía Local

Pontevedra
07 de febreiro 2025
Actualizado: 14:10

Eva Vilaverde fai un balance "positivo" da campaña. A maioría de sancións estiveron relacionadas por circular pola beirarrúa, circular sen permiso administrativo, levar auriculares ou ir dúas personas no mesmo VMP

Control de bicicletas y VMP da Policía Local Mónica Patxot

A concelleira de Seguridade Cidadá de Pontevedra, Eva Vilaverde, presentou este venres 7 de febreiro os resultados da campaña de control de vehículos de mobilidade persoal (VMP) e bicicletas levada a cabo pola Policía Local entre o 27 e o 31 de xaneiro

A iniciativa, que tivo como obxectivo principal concienciar á cidadanía sobre o uso responsable destes vehículos, resultou nun balance positivo, con 92 vehículos controlados e 37 denuncias formuladas.

A campaña centrouse en vixiar e sancionar condutas insolidarias e infraccións relacionadas coa circulación de VMPs e bicicletas, así como en informar aos usuarios sobre as normas de circulación e as características técnicas destes vehículos.

Vilaverde destacou que moitas das persoas paradas durante os controis mostraron descoñecemento sobre a normativa, polo que se lles facilitou información sobre como deben actuar e circular de xeito seguro.

INFRACCIÓNS

Entre as 37 denuncias, catro delas a condutores de bicicletas, as infraccións máis comúns foron:

  • Circular polas beirarrúas (11 denuncias).

  • Carecer da autorización administrativa necesaria (6 denuncias).

  • Usar cascos ou auriculares mentres se conduce (5 denuncias).

  • Circular con dous ocupantes nun VMP (5 denuncias).

  • Non levar seguro obrigatorio (2 denuncias).

  • Non usar casco de protección (2 denuncias).

  • Condución neglixente, incluíndo o uso do móbil ou negarse a realizar probas de alcol e drogas (4 denuncias).

As sancións por estas infraccións oscilan entre os 100 e os 1.000 euros, dependendo da gravidade. Por exemplo, circular polas beirarrúas ou usar auriculares está sancionado con 200 euros, mentres que a falta de seguro obrigatorio ou negarse a un control de alcol e drogas pode acadar os 1.000 euros.

A concelleira subliñou que se detectou un gran descoñecemento sobre a normativa estatal e local que regula o uso dos VMPs. Por iso, recomendou que, ao adquirir un destes vehículos, os usuarios consulten ao fabricante ou vendedor as condicións técnicas e de circulación.

Animou á cidadanía a resolver calquera dúbida contactando coa Policía Local a través do correo electrónico policialocal@pontevedra.eu.

Vilaverde recordou que os VMPs son vehículos e, como tales, os seus condutores deben respectar as normas de circulación e a sinalización vial.

Infraccións de VMP e bicicletas durante a campañaConcello de Pontevedra

Tamén destacou que algúns VMPs que superan os 26 km/h deben ser considerados ciclomotores, o que implica a obriga de contar con permiso de circulación, matrícula, seguro e, no seu caso, permiso de condución.

As zonas con maior número de infraccións foron a Peregrina, Michelena e a zona peonil de Benito Corbal, onde se detectaron condutas como circular en dirección prohibida ou por zonas non permitidas.

Aínda que a campaña non se centrou nos repartidores ("riders"), a Policía Local recordou que estes tamén están suxeitos ás mesmas normas.

Respecto ao seguro obrigatorio, a concelleira explicou que, aínda que actualmente non é esixido para VMPs que non superen os 25 km/h, recoméndase a súa contratación para cubrir posibles danos. Ademais, Eva Vilaverde avanzou que se está a elaborar un anteproxecto de lei para facelo obrigatorio no futuro.

Eva VilaverdeConcello de Pontevedra