A Deputación de Pontevedra impulsou a mellora da eficiencia enerxética no polideportivo e piscina municipal de Caldas de Reis coa instalación de 40 paneis solares.
O investimento, que ascendeu a preto de 19.000 euros e contou co apoio do programa DUS 5000 no marco do reto demográfico do IDAE, permitiu colocar dous campos de paneis de silicio monocristalino.
Os paneis permanecen distribuídos en dúas zonas de cuberta orientadas a leste e oeste, sen sombras e cunha inclinación de 5 graos.
O novo sistema, cunha potencia de 21 kWp, está destinado á xeración de enerxía eléctrica para autoconsumo, e inclúe equipos de medición e rexistro dos datos solares.
Nos últimos oito meses, a instalación conseguiu reducir o consumo enerxético dos recintos municipais en máis dun 27%, o que se traduce nun aforro económico superior aos 2.100 euros.
Na visita realizada ás infraestruturas, o deputado provincial Ricardo Martínez estivo acompañado polo tenente de alcalde de Caldas, Manuel Fariña.
Martínez subliñou que a Deputación nunca antes destinara tantos recursos para apoiar os concellos na modernización das súas vilas, mediante actuacións que transforman e apostan pola sustentabilidade.