40 participantes acudirán ao Encontro de Embarcacións Tradicionais de Combarro na Festa do Mar

Poio
29 de agosto 2025

A Festa do Mar continúa ata o domingo con Miss Caffeína como principal reclamo musical na noite deste venres

Encontro de Embarcacións Tradicionais da Festa do Mar 2024
Encontro de Embarcacións Tradicionais da Festa do Mar 2024 / Concello de Poio

A Festa do Mar de Combarro vive este fin de semana un dos seus momentos álxidos coa celebración do Encontro de Embarcacións Tradicionais, organizado polo Club Mariño A Reiboa.

A cita mariñeira reunirá ata o domingo a preto de corenta participantes chegados de distintos puntos da provincia.

As embarcacións tradicionais xa comparten protagonismo co resto da programación desde esta venres, coa celebración dunha navegación libre pola ría.

O sábado, a xornada comezará ás 10.30 horas cun pasamares acompañado polas pandereteiras da Armadiña e do Ronsel, seguido da regata a remo ás 13.00 horas.

A tarde do sábado estará marcada pola XXIV Regata da Pamplina e a IV proba puntuable Copa Morling.

O domingo, as tripulacións participarán nunha navegación especial ata a illa de Tambo, con ruta guiada en colaboración coa Irmandade Illa de Tambo, antes de pechar o encontro cunha navegación libre pola ría como despedida.

ACTUACIÓNS MUSICAIS

Despois da actuación de Miss Caffeína na Praza da Chousa este venres chegará o momento da Gala do Mar, durante a xornada do sábado, cos directos de Natalia e Coti.

A primeira xornada xa demostrou a diversidade da proposta musical: os Piñeiriños conquistaron aos máis pequenos, La Historia de La Verbena da Ocaband satisfixo aos amantes das orquestras e o Grupo América fixo vibrar aos seguidores do rock.

Concerto na Festa do Mar
Concerto na Festa do MarConcello de Poio

A Mostra da Canción Mariñeira suma outro aliciente cultural coa participación este venres das agrupacións Son das Corbaceiras, Adelaida e Os Chispas do Lérez, mentres que o domingo actuarán Pontis Veteris e As Abeleiras.

Público na Festa do Mar 2025
Público na Festa do Mar 2025Concello de Poio

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora