400 autocaravanas pernoctaron na área de Pontevedra nos últimos catro meses

Pontevedra
28 de xullo 2017

Os foros especializados, segunda a Asociación Galega de Autocaravanas, destacan a calidade do servizo e a súa excelente ubicación

Encontro da Federación Galega de Autocaravanas na nova zona reservada en Tafisa
Encontro da Federación Galega de Autocaravanas na nova zona reservada en Tafisa / Diego Torrado

A Asociación Galega de Autocaravanas emitiu un informe no que destaca o éxito da área de Pontevedra, inaugurada o pasado 6 de abril nos antigos terreos de Tafisa. Segundo sinala esta asociación, as 20 prazas dispoñibles están practicamente ocupadas cada día.

As fins de semana e festivos, a zona reservada para estes vehículos atópase completa e a previsión é que durante os meses de agosto e setembro se incremente aínda máis o uso deste estacionamento. Durante estos últimos catro meses, arredor de 400 autocaravanas pernoctaron en Pontevedra. 

Este colectivo sinala que os foros especializados como CamperContact, Park-4 night ou AC Pasión, destacan a limpeza, calidade das instalacións e a súa localización. 

Manuel Fernández-Arruty, o pontevedrés presidente da Asociación Galega de Autocaravanas, subliña que moitos destes visitantes non veñen con prazos de estancia establecidos, polo que ao descubrir a zona e todo o que poden visitar, quedan máis do previsto.

O gasto medio por día e autocaravana é de 50 euros, segundo os diversos estudos sobre este sector que cita a asociación. Trátase, ademais, dun turismo sustentable e responsable realizado por persoas de nivel adquisitivo medio que buscan o contacto coa natureza e o lecer vinculado á cultura.

Fernández-Arruty reclama para Galicia a creación de rutas turísticas vinculadas ás áreas de autocaravanas, tal e como sucede en concellos como o de Palencia.