O goberno local sitúa en 100.000 euros os beneficios xerados en tres meses polas autocaravanas

Pontevedra
09 de setembro 2017

Anabel Gulías, concelleira de Promoción da Cidade, sinala que cada autocaravanista gasta 50 euros/día e cada vehículo ten unha ocupación media de tres persoas

Encontro da Federación Galega de Autocaravanas na nova zona reservada en Tafisa
Encontro da Federación Galega de Autocaravanas na nova zona reservada en Tafisa / Diego Torrado

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, realiza un balance moi positivo da creación do aparcadoiro de autocaravanas na parcela de Tafisa. Sinala que desde a súa inauguración e, sobre todo, nos meses de verán e nalgunhas fins de semana, as autocaravanas encheron todo o espazo e víronse obrigadas a estacionar nos arredores. 

Desta forma, desde o 18 de maio ata o 31 de agosto, a Policía Local de Pontevedra controlou, a través do Ollomóbil, 665 vehículos neste estacionamento. A eles habería que sumar os que aparcaron nas inmediacións, situando a cifra ao redor das 800 autocaravanas que visitaron a cidade.

Neste período tramitáronse 16 denuncias por superar o período autorizado de estacionamento, que está situado en tres días ao mes, e constatouse que a maioría destes vehículos permaneceron máis dunha noite en Pontevedra.

Segundo as estimacións de gasto que realiza a Asociación Galega de Autocaravanas (AGA) cada autocaravanista gasta unha media de 50 euros ao día. Cada un destes vehículos conta con tres viaxeiros. Desta forma, o cálculo que realiza o goberno local de Pontevedra establece que o gasto realizado na cidade sitúase preto dos 100.000 euros, tomando só como referencia aos 665 vehículos controlados polo Ollomóbil.

A concelleira afirma que para o presidente de AGA, Manuel Fernández Arruty, o único problema que ten esta instalación é "que se queda pequena".