O goberno local de Sanxenxo levará este luns ao pleno ordinario a proposta para a aprobación da licitación da segunda e última fase do mercado de abastos.
O proxecto conta cun orzamento de 5,4 millóns de euros e o prazo de execución estímase en 16 meses. A obra inclúe o novo edificio e a humanización da contorna.
Con esta nova infraestrutura, o Concello busca dinamizar a actividade comercial e social do municipio, así como ampliar o núcleo comercial até este tramo da Rúa Madrid.
A clave para a planificación e rexeneración do espazo urbano de Rúa Madrid será a creación dunha gran praza no frontal do edificio desde Rúa Panadeira até o seu encontro con Rúa Progreso.
Na primeira fase soterrouse o tráfico a través dun paso inferior no que xa contemplaron espazo para un futuro estacionamento público de 32 prazas, así como o acceso ao mercado e as plantas superiores.
Agora, o Concello vai sacar a contratación este novo proxecto que contará cun soto de 1.447 m2, distribuídos en accesos rodados, parking, almacéns e salas de máquinas; unha planta baixa de 494 m2 e un altillo de 324 que acollerá o mercado de abastos; unha primeira planta (541m2) que albergará as dependencias municipais; unha segunda e unha terceira (1.082 m2) con biblioteca e sala de estudos, e un baixo cuberta con terraza (319 m2) onde haberá un espazo de restauración.
Un dos elementos característicos da proposta gañadora do concurso de ideas, 'Los Lunes al Sol', asinada polo arquitecto catalán Tony Bosch, son as súas tres fachadas acristaladas.
Para que o edificio cumpra con todos os parámetros de eficiencia enerxética e climatización interior colocarán 116 paneis fotovoltaicos, e instalarán un sistema de ventilación e climatización por aerotermia con bombas de calor independentes por planta.