69 gardamariñas da Escola Naval de Marín embárcanse no 85 cruceiro do Juan Sebastián Elcano

Marín
09 de xaneiro 2014

Embarcaron os gardamariñas das promocións 415 do Corpo Xeral da Armada e 145 de Infantería de Mariña que, por primeira vez, recibirán a bordo ensino universitario correspondente ao título de grado en enxeñería industrial da rama de mecánica. Por este motivo embarcaron profesores do Centro Universitario da Defensa adscrito á Escola Naval Militar

Despedida do Juan Sebastián Elcano desde o Arsenal de La Carraca, San Fernando (Cádiz) Escuela Naval Militar de Marín

69 gardamariñas de cuarto curso da Escola Naval Militar de Marín embarcáronse este xoves no buque-escola Juan Sebastián de Elcano que partiu hoxe desde o Arsenal Militar de La Carraca, en San Fernando (Cádiz). Comeza así a primeira fase do 85º cruceiro de instrución, que se desenvolverá ata o 22 de febreiro polo Mediterráneo.

Xunto aos gardamariñas do centro marinense viaxarán os 33 aspirantes a cabo primeiro e cabo da especialidade de Manobra e Navegación, que desenvolven os seus estudos na Estación Naval da Graña en Ferrol (A Coruña). Todos eles formarán parte da tripulación dun cruceiro que contribuirá á súa formación marinera, militar, social e humana, mediante a instrución e o adestramento na mar e en porto.

Con respecto a Marín, embarcaron os gardamariñas das promocións 415 do Corpo Xeral da Armada e 145 de Infantería de Mariña que, por primeira vez, recibirán a bordo ensino universitario correspondente ao título de grado en enxeñería industrial da rama de mecánica. Por este motivo embarcaron profesores do Centro Universitario da Defensa adscrito á Escola Naval Militar.

Durante esta primeira fase do crucero de instrución, o buque fará escala en Cagliari (Italia), Mahón, Sete (Francia) e Melilla. Cando regrese á súa base no Arsenal Militar de La Carraca o 22 de febreiro, terá navegado ao redor de 2.300 millas náuticas.

O 1 de marzo, o bergantín-goleta farase de novo á mar desde o porto de Cádiz para comezar a segunda fase do crucero de instrución, levando unicamente aos gardamariñas como alumnos.

O buque-escola 'Juan Sebastián de Elcano', ao mando do capitán de navío Enrique Torres Piñeyro, ten unha dotación de 23 oficiais, 22 suboficiais, 140 militares de tropa e mariñería e cinco profesores civís.