8M | A CIG berra contra a desigualdade e precariedade das mulleres

Pontevedra
08 de marzo 2022

En Pontevedra a marcha da central sindical nacionalista iniciábase na praza da Ferrería mentres en Vilagarcía de Arousa tamén organizouse unha manifestación que realizou un percorrido polo centro da vila partindo da Praza de Galicia

Mobilización da CIG en Pontevedra polo Día da Muller
Mobilización da CIG en Pontevedra polo Día da Muller / Mónica Patxot

Fartas das desigualdades e das discriminacións, así se manifestaron as mulleres que acudiron este martes á convocatoria da CIG para participar da súa marcha do 8M en Pontevedra, que partía da praza da Ferrería, mentres que en Vilagarcía de Arousa desprazásese polo centro da vila con inicio e finalización na Praza de Galicia.

Desde a central sindical denuncian a responsabilidade directa dos gobernos no mantemento das desigualdades e da precariedade laboral que sofren as mulleres. Para as representantes sindicais esta data é unha xornada de loita e alertan de que as mozas están obrigadas a emigrar mentres Galicia se atopa cunha grave crise demográfica.

Sinalan ás persoas responsables das institucións que ostentan o poder político para que tomen decisións que cambien a situación para que as mulleres deixen de ser persoas e traballadoras de segunda.

Lembran que o 73,4% do emprego que se perdeu en Galicia durante 2021 foi entre as mulleres e dos 421.968 novos contratos asinados ese ano a nome de mulleres, o 94,8% foron contratos temporais. Desa cifra, o 30% eran dunha duración inferior a unha semana e o 43%, de menos dun mes.

As manifestantes insisten nos baixos salarios que sofren e a consecuencia dos contratos parciais nas pensións ata o punto de que as pensionistas galegas cobran 376,18 euros menos ao mes que un home na mesma situación. Alertan tamén de que esta desigualdade incrementarase coa ampliación dos anos de vida laboral para calcular as contías. Para evitar que a pobreza siga tendo rostro de muller, desde a CIG demandan políticas efectivas con traballos de coidados que se valoren e con condicións de igualdade no mercado laboral.