8M | A Subdelegación do Goberno homenaxea cun vídeo ás mulleres en primeira liña da pandemia

Pontevedra
08 de marzo 2021

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, explicaba que o vídeo reivindica o papel das traballadoras de sectores esenciais durante a pandemia, e que se atopan moi feminizados como o sanitario, social e de servizos, e a corresponsabilidade nos coidados, que seguen recaendo maioritariamente nas mulleres

Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra, na súa intervención no vídeo do 8M
Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra, na súa intervención no vídeo do 8M / PontevedraViva

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presentou este luns o vídeo que o seu departamento realizou con motivo do Día Internacional da Muller.

Na súa intervención, a subdelegada insistía en que esta iniciativa, encadrada no 8M, é tanto unha homenaxe ás traballadoras de sectores esenciais durante a pandemia, e que se atopan moi feminizados como o sanitario, social e de servizos, como unha reivindicación da corresponsabilidade nos coidados, que seguen sendo maioritariamente femininos.

Maica Larriba explicaba por que é oportuno este vídeo, xa que trata de "expoñer a situación de dureza de todas as mulleres que traballaron en primeira liña nos centros sanitarios, nos servizos de axuda no fogar dos concellos, as profesionais dos Centros de Información á Muller e as profesionais dos servizos sociais municipais" así como "o incuestionable labor de todas as mulleres que compatibilizaron os seus traballos en casa co teletraballo, coa atención os fillos e as fillas en idade escolar ou as persoas maiores dependentes, moitas veces duplicando e triplicando a súa carga de traballo".

Larriba tamén lembrou ás mulleres do ámbito rural e aquelas que traballan no sector servizos e que a pandemia lles impediu poder conciliar, obrigándoas en moitos casos a renunciar ao seu emprego.

Este vídeo ofrece os testemuños de "homes e mulleres da provincia que desde as súas responsabilidades contribuíron a romper ese teito de cristal e un traballo que redunda en dignificar a igualdade entre homes e mulleres", puntualizaba a subdelegada.

Ademais de Maica Larriba García, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, interveñen coas súas reflexións neste vídeo: Estíbaliz Palma Varona, comisaria xefa provincial do Corpo Nacional de Policía; Belén Rubido De la Torre, xuíza decana de Pontevedra especializada en Violencia de Xénero; Marta Estrada Ibars, directora provincial do SEPE; María Teresa Delgado Pérez, directora do Centro Penal da Lama; Emma Torres Romay, decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo; Águeda Gómez Suárez, responsable da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo; José Ángel Ruibal Pérez, inspector principal responsable do grupo de VioXén da Policía Local de Pontevedra; Elena Molanes Piñeiro, directora do Centro de Emerxencias de Vigo para mulleres vítimas de violencia de xénero; Verónica Marcos Lanzo, presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia; Montserrat González García, presidenta da Asociación de CIMs de Galicia; Carolina Pousada González e Miguel Ángel Rodríguez Fernández, docentes do Ciclo Superior en Igualdade de Xénero do CIFP A Xunqueira de Pontevedra.