A pandemia non pode coas reivindicacións feministas. Un ano máis, e cumprindo todas as medidas sanitarias, as mulleres volveron tomar as rúas para celebrar o 8M, o Día Internacional da Muller.
Con pancartas, bandeiras moradas e cánticos tan pegadizos como reivindicativos, dúas marchas partiron ao redor das 11.15 horas de distintos puntos da cidade de Pontevedra para confluír na Praza da Ferrería, onde tivo lugar a lectura do manifesto.
"Estamos fartas de estar discriminadas", "contra o patriarcado, revolta feminista" ou "menos discursos, máis recursos", eran algunhas das proclamas entoadas polas dúas columnas, convocadas pola CIG, que partiron, por unha banda, desde a praza do Hospital Provincial e, por outro, desde o peirao de Corbaceiras.
45 minutos despois ambas as marchas xuntáronse na Praza da Ferrería, debidamente acordoada e con sinais no chan para garantir a distancia de seguridade.
No palco habilitado para a protesta, procedeuse á lectura do manifesto. María Jesús López Escudero foi a encargada de pronuncialo e fixo especial fincapé nas trabas que o colectivo tivo que superar para poder celebrar esta manifestación. "Houbo intentos de impedir a folga e de criminalizar o feminismo", denunciou arrincando os aplausos dos alí presentes.
No seu discurso, López quixo lembrar ás precursoras da loita feminista en Galicia. Citou ás mulleres que se opuxeron á instalación de Ence en Lourizán ou á dragaxe do Verdugo en Ponte Sampaio. Tampouco se esqueceu do compromiso de Rosalía de Castro en contra da cousificación do corpo da muller.
"Estamos fartas", era o pano de fondo dunha alocución que serviu para denunciar que a muller "segue condenada polo sistema de hoxe". A violencia machista, a desigualdade ou as agresións tampouco faltaron neste pronunciamento.
"Quédannos moitos dereitos por conseguir", concluíu o manifesto mentres comezaba a soar por megafonía a canción Tempestades de Sal, de Sés, convertida no auténtico himno deste movemento en Galicia.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.