8M | Poio reivindica "seguir dando pasos" para eliminar a "fenda de xénero"

Poio
08 de marzo 2021

Integrantes da corporación, persoal municipal e representantes do tecido social de Poio participaron neste acto que para reivindicar a importancia da figura da muller na sociedade. O acto desenvolveuse cumprindo con todas as medidas de seguridade determinadas polas autoridades sanitarias

Concentración polo 8M diante do Concello de Poio
Concentración polo 8M diante do Concello de Poio / Concello de Poio

Cun paro institucional ao mediodía conmemorou a corporación municipal de Poio este 8M, Día Internacional da Muller, no que pola covid-19 non houbo grandes eventos no municipio.

Integrantes da corporación, persoal municipal e representantes do tecido social de Poio participaron neste acto para reivindicar a importancia da figura da muller na sociedade.

A concelleira de Igualdade, Silvia Díaz, foi a encargada dar lectura a un manifesto no que se deixou clara a necesidade de que a cidadanía e as institucións "sigan dando pasos" para eliminar a "fenda de xénero" e continuar loitando en favor da igualdade.

O 8M adquire nesta ocasión unha importancia maior, destacou a edil do goberno municipal, polo "relevante labor" que asumiron as mulleres en moitos eidos profesionais que resultaron imprescindibles durante a pandemia.

O acto desenvolveuse cumprindo con todas as medidas de seguridade determinadas polas autoridades sanitarias.