8M | Un camelio nos Baños de San Xusto para lembrar a todas as mulleres galegas

Cerdedo Cotobade
08 de marzo 2021

Julia García Tilve rexentou a súa panadaría toda unha vida para poder sacar adiante a súa familia. Emma Valiñas Barreiro é unha sanitaria que durante moitos anos coidou da saúde dos seus veciños no centro de saúde de Cerdedo. Ambas foron as protagonistas do 8M, Día Internacional da Muller, en Cerdedo-Cotobade

Jorge Cubela con Julia García Tilve e Emma Valiñas Barreiro
Jorge Cubela con Julia García Tilve e Emma Valiñas Barreiro / Concello de Cerdedo-Cotobade

Julia García Tilve rexentou a súa panadaría toda unha vida para poder sacar adiante a súa familia. Emma Valiñas Barreiro é unha sanitaria que durante moitos anos coidou da saúde dos seus veciños no centro de saúde de Cerdedo. Ambas foron as protagonistas do 8M, Día Internacional da Muller, en Cerdedo-Cotobade.

A homenaxe celebrouse nos Baños de San Xusto, onde ambas mulleres participaron na plantación dun camelio na entrada do futuro balneario, como símbolo de lembranza a todas as mulleres galegas.

Neste acto participaron membros da corporación municipal encabezados polo alcalde, Jorge Cubela, e a concelleira de Muller e Igualdade, Galiza Aguete; a presidenta da Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO), Raquel Touriño, e veciños e veciñas que non se quixeron perder este acto.

A edil de Igualdade lembrou tamén, nun día tan simbólico como é o 8 de marzo, a memoria de Rosalía de Castro cuns versos da propia poetisa para poñer en valor o seu espírito feminista.

Pola súa banda o alcalde, Jorge Cubela, manifestou que con este acto "queremos agradecer ás nosas veciñas Julia e Emma non só toda a súa traxectoria profesional, senón tamén a súa dedicación á veciñanza ao formar parte da vida política deste municipio".

En relación ao 8M, Cubela destacou que "somos conscientes que aínda nos queda moito camiño por diante" xa que seguen a estar presentes na sociedade a fenda laboral, a violencia machista ou os teitos de cristal.