Cargos públicos e funcionarios da Xunta de Galicia participaron este luns na concentración que, con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, celebrouse ás portas da delegación administrativa que o goberno galego ten en Campolongo.
No marco deste acto, o delegado territorial, Luis López, a secretaria territorial, Marta Iglesias, e a xefa territorial de Sanidade, Natalia Botana, deron lectura a unha declaración institucional na que reafirmaron o seu "compromiso inquebrantable e irrenunciable" coa igualdade.
O manifesto incluíu, entre outras cuestións, unha relación das desigualdades que seguen a sufrir as mulleres en distintos eidos da vida, o papel "crucial" das mulleres no marco da crise sanitaria da covid-19 ou as fendas salariais e as discriminacións que padecen no ámbito laboral.
Todo isto, engadiron , deriva en problemas de conciliación e corresponsabilidade. Ademais, tamén reclamaron a "erradicación inmediata" da lacra da violencia machista.
"Moito temos avanzado en pro da igualdade pero tamén é ben certo que por desgraza aínda queda moito por conseguir para gozar dunha sociedade en igualdade na que as mulleres ocupen o papel que lle corresponde", destacou o delegado territorial.
O enfoque de xénero, subliñou Luis López, "é un dos piares" das políticas e das accións que está a desenvolver a Xunta de Galicia para acadar unha sociedade "igualitaria e sen discriminacións", ao entender que "está clarísimo que sen mulleres non hai Galicia".
Ademais, o delegado territorial reclamou a implicación e colaboración decidida de todos os cidadáns, organizacións e institucións para conseguir a igualdade "real e efectiva", superar os estereotipos de xénero, corrixir a desigual distribución dos roles na sociedade e eliminar os obstáculos que impiden ás mulleres conseguir o pleno desenvolvemento profesional e persoal.