As sete cociñeiras dos comedores escolares dos colexio de Carballedo, Tenorio e Cerdedo foron as protagonistas do emotivo acto oficial celebrado en Cerdedo-Cotobade con motivo do 8M, o Día Internacional da Muller.
Plácida, Unila, Marina, Amalia, Eulalia, Purificación e María del Carmen e as súas familias participaron neste acto de recoñecemento público e social que tivo lugar no recentemente inaugurado centro cultural e turístico Antonio Fraguas, en Carballedo.
As homenaxeadas recibiron unha lámina e un ramo de flores como xeito de expresarlles o agradecemento e o recoñecemento público polos seus anos de dedicación e traballo.
Na súa intervención, o alcalde destacou o compromiso do seu goberno municipal coas políticas de fomento da igualdade entre homes e mulleres e contra calquera xesto e comportamento de machismo e violencia de xénero.
"Temos que implicarnos todos para evitar comportamentos sexistas, eliminar o machismo e, sobre todo, erradicar para sempre calquera situación de violencia exercida contra as mulleres. Temos que ser proactivos neste tema e non baixar a garda en ningún momento", indicou Jorge Cubela.