8M | O paro feminino en Pontevedra é o terceiro máis alto das cidades galegas

Pontevedra
08 de marzo 2022

A taxa de paro feminino en Pontevedra é do 15%, por detrás de Ferrol (18,4%) e Vigo (15,7%). Ademais o desemprego feminino na capital das Rías Baixas é superior ao masculino, o 59,2% das persoas sen traballo en Pontevedra son mulleres

Traballadoras de PACs na súa quenda laboral apoiando a protesta
Traballadoras de PACs na súa quenda laboral apoiando a protesta / PontevedraViva

Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, o sindicato UXT fai público o informe da situación sociolaboral da muller nas comarcas de Pontevedra e Arousa. Un estudo que reflicte que no Concello de Pontevedra hai máis mulleres en situación de desemprego que homes e, ademais, presentan a terceira maior taxa de desemprego feminino das sete grandes cidades de Galicia, só por detrás de Ferrol e Vigo.

Na Boa Vila, a taxa de paro feminino sitúase nun 15%, fronte ao 14,8% do masculino. A máis alta de Galicia é a de Ferrol co 18,4% das súas mulleres desempregadas, mentres que en Vigo son o 15,7%.

Así mesmo, o desemprego feminino en Pontevedra é superior ao masculino. Das 5.293 persoas desempregadas no 2021, o 59,2% son mulleres, unha porcentaxe superior ao da media de Galicia.

Ademais, no mercado laboral dos grandes concellos pode comprobarse unha especial tendencia cara á inactividade. Ante a falta de perspectiva e oportunidades, a poboación de 16 e máis anos, especialmente no caso das mulleres, abandona o mercado laboral.

No Concello de Pontevedra, a taxa de inactividade feminina sitúase no 47,8%, mentres que a masculina é do 40,6%.

En referencia á afiliación á Seguridade Social, no 2021 estaban afiliadas en Pontevedra 14.897 mulleres, unha cifra superior á dos homes, que quedou en 14.212. Unha cifra que no caso de Pontevedra é superior á media autonómica: 51,2% fronte ao 48,5%.