8M | As mulleres toman as rúas de Pontevedra baixo o lema "Nin escravas, nin heroínas, mulleres con dereitos xa"

Pontevedra
08 de marzo 2022

Unha vez finalizada a manifestación pasouse á lectura do manifesto no que reivindicaron as mesmas razóns que levan anos berrando, protestando e esixindo solucións "a un sistema que ignora sistemática e impunemente as nosas demandas"

Manifestación do 8M en Pontevedra / PontevedraViva

Na noite deste 8 de marzo as mulleres tomaron novamente as rúas de Pontevedra convocadas pola plataforma Galegas 8M baixo o lema "Nin escravas, nin heroínas, mulleres con dereitos xa".

Dentro da asemblea de Galegas 8M participan máis de 40 colectivos, asociacións, plataformas e sindicatos, ademais dun importante número de mulleres non pertencentes a estes grupos con cánticos reivindicativos como "No estamos todas, faltan las asesinadas"; "Mulleres somos, mulleres seremos, pero na cama non nos quedaremos" ou "Imos queimar a conferencia episcopal por machista e patriarcal".

Unha vez finalizada a manifestación na praza da Ferrería pasouse á lectura do manifesto no que reivindicaron as mesmas razóns que levan anos berrando, protestando e esixindo solucións "a un sistema que ignora sistemática e impunemente as nosas demandas".

Así as manifestantes reclamaron que as políticas públicas sexan deseñadas polos feminismos, financiadas e veladas na súa eficacia e cumprimento, "acabando coas actuacións das institucións patriarcais que non solucionan nada".

"Estamos fartas dun sistema educativo que reproduce as lóxicas patriarcais do poder e as súas violencias", por iso, demandaron unha educación pública de calidade, non sexista, na que a igualdade e a diversidade sexan eixos centrais de todos os currículos, materias e actividades.

Tamén esixiron unha vida sen violencias, que todos os recursos económicos, sociais, médicos, xudiciais e políticos se coloquen ao servizo para garantir este dereito básico; para que se elimine calquera contido sexista ou discriminatorio no ámbito da comunicación e da cultura que lexitime ou alente esas violencias.

Ademais, subliñaron que "reclamamos e exercemos o noso dereito á autodefensa en todos os ámbitos da vida".

Outra das demandas expostas na mobilización foi que "precísase a transformación coa que se nos relaciona co traballo, combater o capitalismo e construír alternativas de vida para todas; para exercermos o noso dereito de vivir, de amar, de criar, de maternidade e de sexualidade, e para que todas e cada unha desas escollas cónten con todas as garantías sociais para podermos desenvolvelas".

"Que os poderes públicos loiten sen cuartel contra a industria da trata", esixiron e que os gobernos se responsabilicen de deter e reverter a situación de abandono e destrucción do medio rural.

"Mobilizarémonos até que se erradique a fenda salarial, a precariedade, o teito de cristal, a división do traballo por xéneros, o chan pegañento e a feminización da pobreza", prometeron nesta marcha reivindicativa á que se sumaron milleiros de persoas para amosar unidade, diversidade e combatividade baixo o lema: Abaixo o patriarcado capitalista e colonial.