A Policía Local e o CIM 'alíanse' para axudar o alumnado da ESO a identificar violencias machistas

Pontevedra
19 de abril 2022

A idade media das vítimas da violencia machista en Pontevedra sitúase nos 32 anos. É un dato "moi baixo", recoñecen desde o goberno municipal, que evidencia que entre os mozos se manteñen "actitudes machistas" que hai que combater desde os poderes públicos. Por iso, activaron unha serie de charlas nos institutos para axudar aos alumnos da ESO para identificar estes comportamentos

Entrada ao instituto Valle Inclán
Entrada ao instituto Valle Inclán / Mónica Patxot

A idade media das vítimas da violencia machista en Pontevedra sitúase nos 32 anos. É un dato "moi baixo", recoñecen desde o goberno municipal, que evidencia que entre os mozos se manteñen "actitudes machistas" que hai que combater desde os poderes públicos.

Por iso, o equipo da Policía Local integrado no sistema VioGén, en colaboración co Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra, iniciarán unha serie de charlas nos institutos para axudar aos alumnos da ESO para identificar estes comportamentos.

A edil de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, explicou que "nos preocupa" o incremento de casos de violencia de xénero que se rexistran na cidade, polo que o Concello entende que se deben reforzar os programas de prevención e formación entre a cidadanía.

O obxectivo é que as vítimas potenciais ou os seus achegados "estean alerta" ante posibles casos de violencia machista, que os denuncien ante as autoridades e se usen os recursos dispoñibles para atender ás mulleres que sufran este tipo de episodios.

O goberno municipal optou por iniciar esta nova campaña cos mozos ao entender que son un "espectro especialmente sensible". Así, os primeiros en asistir a estas charlas será o alumnado de 4º da ESO de tres institutos da cidade.

As charlas comezarán mañá mércores 20 de abril no IES Valle Inclán e continuarán o 10 de maio no IES Torrente Ballester e o 14 de xuño no IES Sánchez Cantón. Impartiranas o xefe do equipo VioGén en Pontevedra, Ángel Ruibal, e persoal do CIM.

Ademais, este xoves 21 de abril tamén recibirán formación o profesorado do Valle Inclán, a petición propia, algo que agradecen desde o Concello porque "son os que teñen unha maior influencia sobre os rapaces e contacto a diario con eles".

Os contidos que se impartirán nesta charla estarán adaptados a cada nivel educativo, incluíndo a orixe e tipos de violencias machistas, como identificalas, coñecer os ciclos desta violencia e os recursos que existen ou como traballa a Policía Local e como denunciar.

Todo este contido será trasladado aos adolescentes mediante casos concretos e facilmente identificables para eles "para que saiban que a violencia de xénero está máis preto do que pensamos" e como identificar os casos para "corrixir actitudes", subliñou Vilaverde.

O equipo da Policía Local integrado no sistema VioGén, explicou a responsable de Seguridade Cidadá, está formado actualmente por dous axentes, aos que se sumará proximamente unha terceira que xa está a recibir a formación específica.

Desempeñan o seu traballo nas dependencias do CIM para que as vítimas non teñan que acudir á xefatura da Policía Local e reciban o asesoramento de persoal cualificado. Ademais, os axentes que protexen ás vítimas non van uniformados para que estas mulleres non sexan revictimizadas ou estigmatizadas por levar escolta.