O alcalde de Poio, Luciano Sobral, integrantes da corporación municipal, persoal municipal e representantes dos colectivos que forman parte do Consello Municipal da Muller de Poio, así como as responsables do CIM, déronse cita este martes ás portas da Casa Consistorial para participar no paro institucional que, como cada ano, se levou a cabo para conmemorar o 8 de marzo e reivindicar a importancia capital da figura da muller na sociedade actual.
A concelleira de Igualdade, Silvia Díaz, foi a encargada de dar lectura ao manifesto impulsado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), ao que se sumou o Concello de Poio.
No seu discurso, a concelleira fixo fincapé na necesidade de que a sociedade e as institucións continúen dando pasos para suprimir definitivamente a fenda de xénero e consolidar a igualdade entre homes e mulleres.