900.000 euros para poñer a punto Mourente

Pontevedra
27 de agosto 2014

A pista de Carabelos, o lugar da Condesa, a estrada que sube á igrexa de Mourente, a rúa das Viñas, o lugar de Moldes e os Areás. Son os puntos de Mourente onde nos últimos tempos se realizaron inversións municipais para mellorar a parroquia e as súas comunicacións e por todos eles pasou este mércores o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha visita para coñecer o estado de execución das obras

Visita de Lores e Miguel Filgueira á parroquia de Mourente PontevedraViva

A pista de Carabelos, o lugar da Condesa, a estrada que sube á igrexa de Mourente, a rúa das Viñas, o lugar de Moldes e Os Areás. Son os puntos de Mourente onde nos últimos tempos se realizaron inversións municipais para mellorar a parroquia e as súas comunicacións e por todos eles pasou este mércores o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha visita para coñecer o estado de execución das obras. 

As obras que visitaron Lores e o concelleiro delegado da parroquia, Miguel Filgueira, están valoradas en algo máis de 900.000 euros, sendo a de maior inversión a rehabilitación integral da estrada que sube á igrexa de Mourente. A actuación incluiu a canalización de pluviais, repavimentación e retirada de elementos obsoletos e tivo que facerse por fases, supoñendo un investimento final de 600.000 euros.

A visita comezou pola pista de Carabelos, onde o Concello fixo unha urbanización completa (repavimentación e recollida de pluviais) por valor de 30.000 euros, e continuou no lugar da Condesa para ver as obras de saneamento que se fixeron no lugar, un dos poucos que quedan por canalizar na parroquia de Mourente, no que o investimento foi de máis de 45.000 euros.

Outro dos puntos onde se actuou foi a rúa das Viñas, onde se fixeron traballos de rehabilitación por 8.000 euros que, segundo o Concello, resolven graves problemas para os veciños do lugar. Igual de importantes foron os traballos programados no lugar de Moldes, onde se destinaron 180.000 euros a instalar o saneamento e á canalización de augas pluviais.

Os nenos tamén foron protagonistas desta posta a punto da parroquia. Nos Areás acondicionouse unha zona de lecer coa instalación de distintas pistas e espazos de xogos populares, xa que se trata dun espazo de encontro veciñal e de centralidade parroquial. O investimento foi de 40.000 euros.