Este mércores vacináronse 950 docentes da área sanitaria nos hospitais de Montecelo e Provincial e no Hospital do Salnés, segundo a información facilitada por fontes da coordinación de vacinación covid.
Nesta xornada estaba previsto que a chamada ao profesorado realizásese por orde alfabética para evitar citar por centros educativos. Esta circunstancia prodúcese despois de que este martes, no inicio da campaña, se rexistrara unha situación "caótica", segundo algunhas das persoas que acudiron ao Hospital Montecelo.
O propio xerente da área sanitaria José Ramón Gómez indicou que se produciu un problema organizativo pola ausencia inicial da vacina AstraZeneca e o profesorado tivo que permanecer máis dunha hora esperando na contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra co problema que iso supoñía nalgús centros educativos.
Nesta xornada do mércores a actividade transcorreu con normalidade coa aplicación da vacina AstraZeneca aos docentes menores de 55 anos.
SEN CASOS POSITIVOS NO CRIBADO DE MEAÑO
Ademais, a Consellería de Sanidade informaba este mércores de que non se detectaron casos positivos de covid-19 entre a poboación con idades comprendidas entre os 30 e os 50 anos realizado durante o luns 22 e o martes 23 no Centro de Saúde desta localidade.
O colectivo citado ascendía a 1.835 persoas. Acudiron a realizarse as probas 1.277 cidadáns, unha porcentaxe do 69,5 % dos residentes convocados.