98 veciños de Portonovo, 3 asociacións e 3 negocios adhírense á compostaxe comunitaria

Sanxenxo
02 de febreiro 2016

Sanxenxo propón á Deputación a súa localización nas proximidades do Parque do Espiñeiro

Proposta de emprazamento do composteiro comunitario Concello de Sanxenxo

A Concellería de Medio Ambiente presentou xa a proposta de Portonovo para acoller os composteiros comunitarios do programa da Deputación, tras conseguir a adhesión de 98 veciños, tres colectivos (a asociación de veciños San Cristobal, o Club de Xubilados e o ANPA do colexio CEIP Portonovo) e tres negocios (Oh, My Coffee, Maracaibo e Frutas Nieves).

A contorna do parque do Espiñeiro é o lugar elixido, tras acordalo cos veciños, para a localización dun centro de compostaxe que recibirán os restos orgánicos. Nunha zona arborizada e de fácil acceso, os veciños poderán deixar os seus residuos para comezar o proceso de conversión en compost.

A Deputación deberá valorar todos os proxectos presentados polos diferentes concellos da provincia antes de confirmar que Sanxenxo poderá contar cun destes composteiros comunitarios.

A concelleira de Medio Ambiente, Coral González-Haba, agradece a implicación cidadá nesta iniciativa e sobre todo o interese mostrado polos establecementos comerciais. "Confío en que en canto estea a funcionar este centro de compostaxe sexan cada vez máis os establecementos que se somen. Reducir o volume de residuos que se envía aos colectores verdes contribúe a rebaixar o custo da súa xestión e por tanto redunda en beneficio de toda a sociedade". A concelleira de Medio Ambiente espera primeiro que a Deputación aprobe o proxecto e, posteriormente, que cada vez se vaian sumando máis establecementos de hostalería.

Finalmente o Concello de Sanxenxo presenta unha única proposta ao programa da Deputación, ao non atopar en Dorrón unha leira que reúna as condicións necesarias. E é que aínda que nun principio barallouse a posibilidade de situar o composteiro nunha parcela municipal situada xunto ao colexio, esta é de uso exclusivamente educativo polo que finalmente descartouse.

A présa dos prazos marcados pola Deputación dificultou localizar unha localización alternativa, pero a Concellería de Medio Ambiente continúa traballando neste tema, á espera de que a Deputación abra un novo prazo para a presentación de máis candidaturas.

Coral González-Haba quere agradecer aos veciños de Dorrón, interesados no tema da compostaxe, a súa implicación neste proxecto e ínstalles a continuar colaborando conxuntamente de cara ao futuro.