A alcaldesa de Moraña acusa á Deputación de levar cinco anos "mareando" coa estrada Mane-Rebón

Umia
19 de xuño 2020

A alcaldesa amosa a súa "sorpresa" porque o deputado provincial de Infraestruturas, Gregorio Agís, afirme que o están redactando xa que a ela non lle informou na reunión de febreiro

Visita da alcaldesa de Moraña á estrada EP-0503 Mane-Rebón Concello de Moraña

A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, valorou este venres o anuncio do deputado provincial de Infraestruturas, Gregorio Agís, de que se está redactando dende hai catro meses un proxecto de mellora para a estrada provincial EP-0503 Mane-Rebón no treito correspondente co municipio sinalando que "é unha auténtica sorpresa e máis que diga que é cumprindo o acordado na nosa reunión de febreiro porque nela non me fixo ningún compromiso nin me informou deste proxecto".

Segundo dixo a alcaldesa popular, "a realidade é que a Deputación de Pontevedra, dende que paralizou as obras desta estrada no ano 2015 co cambio de goberno provincial, leva mareando cun proxecto durante cinco anos".

Luisa Piñeiro explicou que hai uns días foi ata a estrada de Mane-Rebón e tras comprobar que se pintou a sinalización horizontal elevou unha queixa chegando a pedir unha reunión que polo de agora non recibeu resposta.

"Despois do absoluto abandono con Moraña e coa estrada Mane-Rebón nestes cinco anos, mareando e sen dar solución malia ser o peor vial da provincia, prodúcenos moita desconfianza que fagan un pintado e especialmente polo agravio comparativo co ensanchado treito de Barro", apostillou Piñeiro.