Moraña reforma as pistas que conectan Souto, Aldea da Fonte e Grixó

Umia
28 de xullo 2020

Esta actuación, que está a ser executada pola empresa Taboada y Ramos, realízase en tres treitos que presentan diferentes características e que, conxuntamente, contan con 830 metros de lonxitude. Ten un prazo de execución de dous meses

Visita das autoridades ás obras de mellora no Souto
Visita das autoridades ás obras de mellora no Souto / Concello de Moraña

Case 40.000 euros investirá o Concello de Moraña en melloras viarias na parroquia de Lamas, que veñen de comezar co acondicionamento das pistas internas que conectan os lugares do Souto, Aldea da Fonte e Grixó dende o entronque coa estrada autonómica PO-226.

Esta actuación, que está a ser executada pola empresa Taboada y Ramos, realízase en tres treitos que presentan diferentes características e que, conxuntamente, contan con 830 metros de lonxitude. Ten un prazo de execución de dous meses.

O proxecto consiste na limpeza integral das cunetas, o aproveitamento máximo da plataforma da calzada que está limada pola vexetación en diversos puntos, unha actuación de ensanche ou a dotación de marxes de zahorra nos lugares con sobreancho.

O fresado nas zonas de vella pavimentación, o reasfaltado con mestura bituminosa en quente de cinco centímetros de groso e o realce das tapas de rexistro pertencentes á rede de saneamento completan a actuación.

Con motivo do inicio dos traballos, a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, achegouse ata a zona xunto o director de obra, a arquitecta municipal e un representante da empresa para realizar axustes nas medicións segundo as necesidades detectadas e as demandas veciñais e para determinar melloras no remate das cunetas e na adopción de medidas de seguridade viaria.

"Estas pistas teñen o firme en mal estado e están a perder anchura pola presenza de maleza, polo que precisamos recuperar espazo na calzada e renovar a capa de rodadura para garantir unha axeitada mobilidade aos veciños destes tres lugares", explicou a rexedora.