Proxectan a mellora "inminente" da conexión oeste-norte do centro urbano de Moraña

Umia
04 de agosto 2020

A actuación ten como obxectivo corrixir as actuais deficiencias do firme e mellorar a seguridade deste vial que enlaza a saída cara Pontevedra coa contorna do lugar de Grixó, que presentada deficiencias e varias fochancas, sobre todo, despois das fortes choivas do pasado outono

Inicio da pista de Santa Lucía
Inicio da pista de Santa Lucía / Concello de Moraña

O Concello de Moraña proxecta a renovación integral "inminente" do firme da pista de conexión oeste-norte do núcleo de Santa Lucía, o centro urbano da localidade. 

A actuación ten como obxectivo corrixir as actuais deficiencias do firme e mellorar a seguridade deste vial que enlaza a saída cara Pontevedra coa contorna do lugar de Grixó, que presentada deficiencias e varias fochancas, sobre todo, despois das fortes choivas do pasado outono.

Segundo informou o Concello, a obra ten un orzamento de 30.000 euros e vai estar financiada ao abeiro do Plan de Mellora de Camiños Municipais da Xunta de Galicia. 

O proxecto xa está deseñado e aprobado e contempla a limpeza de foxos, o cepillado do firme especialmente nas zonas nas que está máis deteriorado, a dotación dunha nova capa de rodadura a base de aglomerado en quente cun groso de cinco centímetros e o recrecido das tapas de rexistro.

En total, actuarase nun tramo de 420 metros e a obra ten prazo de execución estimado de dous meses.

A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, explicou que o goberno local pretende darlle continuidade ao plan periódico de melloras urbanas no núcleo de Santa Lucía despois de que no pasado exercicio se acometera unha obra similar nas rúas 1,8, 10, 11 e Doutor Batallán e de que se estea a traballar na próxima modernización e reposición de beirarrúas e supresión de barreiras arquitectónicas na rúa 1 e parte da rúa 3.

No que vai de exercicio, Moraña ten encamiñados proxectos que superan os 500.000 euros en investimentos e infraestruturas. Entre outros, están en marcha a mellora viaria e peonil en Chan de Amil e a renovación de vías e cunetas no Souto, Aldea da Fonte e Grixó e xa están case listas para comezar a reposición de pistas dos dous polígonos, as melloras viarias e de seguridade con muros de contención en Amil, Rebón, Saiáns, Santa Xusta, Lamas e Laxe.