A alianza entre BNG e Compromiso nótase na candidatura por Pontevedra

Pontevedra
07 de outubro 2019

Berta Roldán, membro do Consello Nacional de CxG e número 2 por Pontevedra nas eleccións municipais de maio, ocupará en quinto posto na candidatura do BNG ao Congreso dos Deputados que, como xa se anunciara, encabezará a edil pontevedresa Carme da Silva

Juan Carlos Piñeiro Docampo e Ana Pontón, líderes de Compromiso por Galicia e BNG
Juan Carlos Piñeiro Docampo e Ana Pontón, líderes de Compromiso por Galicia e BNG / BNG

O acordo alcanzado entre o BNG e Compromiso por Galicia (CxG) para concorrer xuntos ás eleccións xerais de novembro provocou cambios na candidatura do partido de Ana Pontón en Pontevedra con respecto á presentada o pasado mes de abril.

Ambas as dúas formacións, que comparten un pasado en común -CxG foi un dos partidos xurdidos da escisión do BNG en 2012-, presentaranse a esta repetición electoral baixo as siglas do BNG e coa concelleira pontevedresa Carme da Silva como cabeza de lista.

Os líderes de ambos os partidos, Ana Pontón e Juan Carlos Piñeiro Docampo, foron os encargados de rubricar este acordo que nace, segundo sinalaron froito da "responsabilidade, xenerosidade e clareza" das súas posicións en defensa dos intereses de Galicia e co "único obxectivo" de que os galegos teñan "representación de país".

O documento asinado destaca que ambos os dous partidos son forzas políticas galegas, "non subordinadas" a ningunha outra de ámbito estatal e "capaces" de defender "con liberdade e garantías" os intereses, dereitos, propostas e aspiracións do pobo galego.

A candidatura nacionalista por Pontevedra, en virtude desta coalición, será lixeiramente diferente á de hai seis meses e, unha das principais incorporacións, será a presenza dunha dirixente de Compromiso por Galicia.

Berta Roldán, membro do Consello Nacional de CxG e número 2 por Pontevedra nas eleccións municipais de maio, ocupará o quinto posto na candidatura do BNG ao Congreso dos Deputados.

Ademais, acompañando a Da Silva irán tamén o vigués Xesús López Carreira (2), Pilar Xiráldez (3) ou o debuxante Kiko Dasilva, que será o número 4, así como a ex deputada Olaia Fernández Dávila (6) e o pontevedrés Guillerme Vázquez, ex portavoz nacional do BNG, que repetirá como peche da candidatura por Pontevedra, no número 7.

No Senado, pola súa banda, non haberá cambios e os tres candidatos serán André Vidal Capón, Cecilia Pérez Orxe e Segundo González González, procedentes do BNG de Tui, Redondela e Vigo respectivamente.