Eleccións 10-N. O BNG aspira a entrar no Congreso: "A ver se desta vai!"

Pontevedra
16 de outubro 2019

A cabeza de lista do BNG ao Congreso pola provincia de Pontevedra nas próximas eleccións xerais, Carme Da Silva, destacou que o próximo 10 de novembro preséntase unha "nova oportunidade para Galicia" ante o "fracaso" das "forzas estatais" por antepoñer os seus "intereses partidarios" ao ben común

Almorzo informativo con Carme da Silva
Almorzo informativo con Carme da Silva / PontevedraViva

A cabeza de lista do BNG ao Congreso pola provincia de Pontevedra nas próximas eleccións xerais, Carme da Silva, destacou que o próximo 10 de novembro preséntase unha "nova oportunidade para Galicia" ante o "fracaso" das "forzas estatais" por antepoñer os seus "intereses partidarios" ao ben común.

Así o dixo nun xantar informativo cos medios de comunicación, no que subliñou que a formación nacionalista está "a sumar", nestes comicios, apoios de persoas "decepcionadas" con outras forzas políticas.

"A ver se desta vai!", dixo Carme da Silva sobre a posibilidade de que o Bloque obteña representación no Parlamento.

Neste encontro Da Silva estivo acompañada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e os membros da candidatura do BNG, Kiko Da Silva, Berta Roldán e Ana Seoane.

Fernández Lores insistiu en que é unha "cuestión fundamental" que o BNG recupere a representación no Congreso. Trátase, ao seu xuízo, dunha "prioridade para os galegos" xa que en Madrid "decídense as cousas de comer".

Sobre Carme da Silva o alcalde dixo que é "unha concelleira con experiencia contrastada" que achega "un plus" á candidatura dos nacionalistas e que traballará desde o Congreso para "rematar coa seca de investimentos" para a provincia.

Da Silva dixo que é "unha honra" encabezar a lista do Bloque, nunha candidatura chea de "ilusión, compromiso, moito talento e moitísimo traballo" que pretende ser "a voz de todo o país".

"Non lle pedimos á xente que confíe no BNG, pedímoslle que confíe en se mesma", sinalou Carme da Silva que se declarou convencida de que "cando confiamos na sociedade somos capaces de facer grandes cousas".