Carme da Silva reclama as transferencias en materia de seguridad viaria para aplicar el 'modelo BNG'

Pontevedra
19 de outubro 2019

Da Silva realizou estas declaracións no treito da N-550 declarado 'de concentración de accidentes' na parroquia de Lérez, onde subliñou que as medidas que se están a adoptar por parte do Estado para evitar a violencia viaria en xeral nas súas infraestruturas ''non só non funcionan, senón todo o contrario''

Carme da Silva no treito da N-550 declarado 'de concentración de accidentes' na parroquia de Lérez
Carme da Silva no treito da N-550 declarado 'de concentración de accidentes' na parroquia de Lérez / BNG

A candidata do BNG ás eleccións xerais do 10 de novembro pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, asegurou este sábado que o BNG coa súa voz no Congreso dos Deputados vai reclamar as transferencias de tráfico e seguridade viaria e que se adopten as medidas orzamentarias e os compromisos necesarios para reducir o número de accidentes que se producen nas estradas galegas, "xa que se son evitables non son accidentes".

Da Silva realizou estas declaracións no treito da N-550 declarado 'de concentración de accidentes' na parroquia de Lérez, onde subliñou que as medidas que se están a adoptar por parte do Estado para evitar a violencia viaria en xeral nas súas infraestruturas ''non só non funcionan, senón todo o contrario''.

Indicou, como exemplo, que dende Fomento limitáronse a instalar un cartel instando á precaución na zona conflitiva de Lérez, tendo que ser o propio Concello de Pontevedra o que colocou un semáforo para permitir o cruce da vía con seguridade aos peóns -método que recoñeceu tampouco é o máis axeitado-.

''Galicia ten a maior cantidade de treitos máis perigosos do Estado e poñer carteis non é a solución. A solución é evitar a perigosidade dese treito reducindo tráficos, calmando velocidades e dando tratamentos urbanos ás travesías'', dixo.

A nacionalista propuxo a transferencia das competencias en materia de seguridade e aplicar o 'modelo BNG' do Concello de Pontevedra, que ten demostrado resultados exitosos. ''O noso modelo é un exemplo para a Dirección Xeral de Tráfico porque conseguiu reducir de xeito importante o número de accidentes, a súa gravidade e, sobre todo, porque se reduciu a cero a mortalidade na cidade'', dixo a candidata.

Lembrou que incluso a Deputación de Pontevedra, da man do deputado de Mobilidade do BNG no goberno provincial, puxo en marcha con éxito unha Estratexia de Mobilidade na rede provincial, que demostra que é posible cambiar o modelo se hai vontade política. ''A mellora da seguridade viaria ten que ser unha prioridade'', subliñou.

''Está demostrado que só cando o BNG está no Congreso hai beneficios para Galicia''

En concreto, Da Silva explicou que a situación de perigosidade da N-550 ao seu paso pola parroquia de Lérez é consecuencia do tráfico masivo que soporta o vial, entre outras cuestións, porque a AP-9 ten unha peaxe carísima.

''Non pode ser que por non facer o investimento que deben na A-57 e non liberar de portaxe a AP-9 esteamos a soportar tráficos aquí nesta estrada, na zona de Salcedo, ou na estrada de titularidade de Vilaboa, que teñen un nivel de circulación non asumible para vías destas características''.

A cabeza de lista finalizou asegurando que nestas eleccións do vindeiro 10N os galegos ''deben mirar polas súas necesidades fronte á pasividade e desatención das forzas políticas madrileñas durante os últimos anos''. Destacou que os deputados elixidos pola provincia de Pontevedra ''non levaron a voz do país'' a Madrid e sinalou que ''está demostrado que só cando o BNG está no Congreso hai beneficios para Galicia'' con actuacións ou de partidas orzamentarias.

Así mesmo, instou á cidadanía desencantada pola situación actual a mudar e confiar no BNG para transformar o cabreo en dar voz a Galicia, sumándose ''á corrente de simpatía e apoios que está a medrar cara a formación nacionalista dende os últimos comicios estatais''.