A APDR desmente que non exista en Galicia ubicación alternativa para o traslado de Ence: "habería moitas zonas"

Pontevedra
22 de abril 2019

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra considera que a pasteira "non pretende outra cousa que chantaxear á poboación" da comarca para tratar de permanecer en Lourizán, pois afirman que se non poden seguir na Ría, non se instalarían en Galicia, senón no estranxeiro 

Factoría de Ence en Lourizán vista desde a praia de Lourido
Factoría de Ence en Lourizán vista desde a praia de Lourido / Diego Torrado

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) considera que en Galicia "habería moitas zonas" que poderían ser "un emprazamento axeitado" e poderían cumprir os requisitos necesarios para acoller a fábrica de Ence ante un hipotético traslado da súa ubicación actual en Lourizán. 

Con esta afirmación o colectivo ecoloxista desmente as afirmacións realizadas durante a Semana Santa pola empresa, que fixo público un informe segundo o cal non habería en Galicia ningún emprazamento alternativo que cumprise as condicións necesarias para a instalación dunha factoría de pasta de papel. 

En opinión da APDR, con ese argumento Ence "non pretende outra cousa que chantaxear á poboación" da comarca para tratar de permanecer en Lourizán, pois afirman que se non poden seguir na Ría, non se instalarían en Galicia polo "elevado prezo da madeira e da man de obra", senón no estranxeiro.

O colectivo ecoloxista considera que as necesidades para unha nova fábrica serían moito menores ás que relata o informe facilitado por Ence. Ademais, chama a atención sobre feito de que o documento o elaborou a empresa IDOM, a mesma que realizou o proxecto do novo emisario para os vertidos da depuradora de Os Praceres e o correspondente ás obras de reforma da depuradora.

Á vista destas argumentacións, a APDR sostén que "a única razón para descartar un posible traslado é a negativa a abandonar Lourizán". E todo caso, lembran que o que está en cuestión nestes momentos non é se existe ou non outro emprazamento axeitado para a instalación de Ence en Galicia, senón que o que se está a poñer sobre a mesa é que, por Lei, Ence non pode continuar por máis tempo en Lourizán.

En relación con isto, o presidente do colectivo, Antón Masa, insiste en que a que a prórroga concedida polo Goberno en funcións de Mariano Rajoy en 2016 "foi ilegal non só polo número de anos concedidos (Ence non podería continuar en Lourizán máis alá do 2033, ano no que se cumpriría o máximo de 75 anos permitido pola Lei), senón tamén porque as prórrogas só se poden outorgar a aquelas instalacións que pola súa natureza teñan que estar en dominio público marítimo-terrestre".  "E, mírese por onde se mire, non é o caso", asegura.

Arquivado en