A área sanitaria de Pontevedra - O Salnés alcanza xa as 60 vítimas mortais por covid-19 nunha semana negra

Pontevedra
05 de decembro 2020

Un home de 95 anos, veciño de Marcón, convértese na oitava vítima mortal que se produce nos últimos siete días nos hospitais de Pontevedra e O Salnés. Durante as últimas 24 horas faleceron catro persoas en Galicia por coronavirus, dúas delas estaban ingresadas na Residencia de Vilalba

Zona de Urxencias no Hospital Montecelo
Zona de Urxencias no Hospital Montecelo / Mónica Patxot

A área sanitaria de Pontevedra - O Salnés alcanzou a cifra de 60 persoas falecidas por covid-19 desde que se iniciaba a pandemia. Nas últimas horas perdía a vida un veciño de Marcón, de 95 anos de idade, no Hospital Montecelo, onde permanecía ingresado cun cadro clínico no que se presentaban patoloxías previas, segundo a información facilitada pola Consellería de  Sanidade.

Este falecemento completa un período de sete días no que se rexistraron oito falecementos nesta área sanitaria. O último sábado de novembro morría un home no Hospital  QuirónSalud Domínguez; o domingo 29 deixaba dous novos falecidos por covid-19 na área sanitaria, un deles procedente da residencia de Vilaboa; o martes producíase unha nova perda no Hospital do Salnés e o mércores unha muller de 80 anos falecía en Montecelo. Xa o venres producíanse dúas mortes máis, dunha muller de 71 e un home de 80 anos no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP). Co último falecemento péchase unha semana que ofrece un duro balance negativo.

En todo caso, a tendencia no número de casos activos descende paulatinamente. E este sábado o número de casos covid no municipio de Pontevedra era de 271, 25 menos que na xornada do venres.

Galicia rexistraba catro falecementos nas últimas horas, entre os que se inclúe o veciño de Pontevedra. Unha vítima por coronavirus rexistrábase no Complexo Hospitalario de Ourense, un home de 77 anos. Mentres que un home de 86 e unha muller de 101 anos falecían na Residencia de Vilalba. En todos os casos, os cadros clínicos presentaban historial de enfermidades previas.

A comunidade alcanza con estas catro mortes a cifra de 1.250 falecidos por esta enfermidade desde que se comezaron a cuantificar o número de casos con motivo da pandemia. 218 perdían a vida en residencias e 308 en hospitais e residencias integradas, segundo os datos da Consellería de Sanidade. O número de casos activos é de 6.948 pacientes.