A área sanitaria mantén 16 casos en activo por coronavirus por terceiro día consecutivo

Pontevedra
07 de xuño 2020

Sen cambios. Así foi a evolución dos casos activos por coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e Salnés nas últimas 24 horas. Un total de 16 persoas seguen sendo atendidas tras dar positivo pola COVID-19

Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo durante la crisis sanitaria do coronavirus
Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo durante la crisis sanitaria do coronavirus / Mónica Patxot

Sen cambios. Así foi a evolución dos casos activos por coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e Salnés nas últimas 24 horas. Un total de 16 persoas seguen sendo atendidas tras dar positivo pola COVID-19.

Segundo os datos facilitados polo Servizo Galego de Saúde, todos os casos activos da área sanitaria evolucionan nos seus respectivos domicilios, onde reciben seguimento médico.

A área sanitaria continúa, por tanto, sen pacientes con coronavirus hospitalizados en planta en ningún dos tres hospitais habilitados para a COVID-19 (Montecelo, O Salnés e Quirón Saúde Miguel Domínguez) ou na área de coidados críticos. 

Desde o inicio do plan de continxencia da COVID-19 curáronse 881 pacientes nesta área sanitaria, os mesmos que este sábado, e faleceron 16 pacientes.

O número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 524, deles 119 son da área da Coruña, 30 da de Lugo, 44 da de Ourense, 16 da de Pontevedra, 194 da área de Vigo, 107 da de Santiago e 14 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, un permanece en UCI, 22 están en unidades de hospitalización e 501 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 10.242 persoas curadas e rexistráronse 618 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 150.498 e o número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supoñen o 0,08% do total das persoas residentes. 

En toda Galicia hai 20 usuarios e 18 profesionais de centros residenciais contaxiados e rexistráronse 132 falecementos en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.