A área sanitaria suma 22 novos contaxios diarios e volve ter 20 pacientes nos hospitais

Pontevedra
06 de abril 2021
Actualizado: 11:57

Este martes hai un paciente na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo e 19 ingresados en planta de hospitalización. O número de casos activos na área sanitaria sitúase en 251, 5 máis que o luns. A pesar de que houbo 22 novos contaxios, a cifra non sobe máis porque se deron 17 altas médicas

Test de antíxenos para detectar contaxios por covid-19
Test de antíxenos para detectar contaxios por covid-19 / Mónica Patxot

A incidencia da covid-19 segue a tendencia á alza na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e os datos oficiais deste martes (baseados en cifras das 18.00 horas do luns) confirman 22 contagios nun só día a pesar de realizarse unha cantidade pequena de probas PCR, 298 nunha xornada.

Segundo o balance oficial, a situación complícase nos hospitais pontevedreses, que volven a cifra de 20 pacientes con covid-19 ingresados tras varios días por baixo. Son catro máis que un día antes.

Este martes hai un paciente na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo e 19 ingresados en planta de hospitalización. Son 16 pacientes en planta no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, tres máis que o martes; 1 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra e 2 no Hospital do Salnés. 

Ademais, hai 231 persoas que deron positivo en covid-19 e atópanse en seguimento domiciliario.

En total, o número de casos activos na área sanitaria sitúase en 251, 5 máis que o luns. A pesar de que houbo 22 novos contagios, a cifra non sobe máis porque se deron 17 altas médicas. En total, desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 12.470 pacientes.

Segundo o balance oficial, ata o momento faleceron por coronavirus na área sanitaria 167 pacientes.

As 298 probas PCR realizadas nas últimas horas elevan a 186.479 o total de test efectuados desde o inicio da pandemia na área sanitaria.

EVOLUCIÓN EN GALICIA

A nivel autonómico, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.211, 37 máis que o luns, tras confirmarse 140 novos positivos nunha xornada.

A área sanitaria con máis casos activos é A Coruña, con 685. Ademáis, hai 139 na área de Lugo, 141 na de Ourense, 251 na de Pontevedra, 598 na área de Vigo, 303 na de Santiago e 94 na de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 33 están en UCI, 176 en unidades de hospitalización e 2.002 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 113.221 persoas curadas, rexistrándose 2.357 falecementos. 

O número de PCR realizadas é de 1.877.214 e o número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 559.814.