Tres pacientes máis no hospital e 23 novos positivos nunha xornada na área sanitaria

Pontevedra
07 de abril 2021
Actualizado: 11:55

Segundo o último balance oficial realizado polo  Servizo  Galego de  Saúde, este mércores hai 23 pacientes nos hospitais pontevedreses. Non hai cambios na unidade de coidados críticos do Hospital Montecelo, que ten un paciente como o día anterior, pero si nas plantas de hospitalización, con tres enfermos máis

Test rápido de cribado da covid-19
Test rápido de cribado da covid-19 / Mónica Patxot

A evolución da pandemia da covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés é este mércores moi similar á confirmada o martes. Nas últimas 24 horas volveu a aumentar a ocupación dos hospitais -tres novos pacientes- e os novos positivos detectados superan a vintena -23 en concreto-. 

Segundo o último balance oficial realizado polo  Servizo  Galego de  Saúde, este mércores hai 23 pacientes nos hospitais da área sanitaria, tres máis que o martes. Non hai cambios na unidade de coidados críticos do Hospital Montecelo, que ten un paciente como o día anterior, pero si nas plantas de hospitalización, con tres enfermos máis. 

Dos 22 pacientes con covid-19 ingresados en planta de hospitalización, a maioría están no  Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Son, en total, 17. Ademais, hai 1 no Hospital  QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra e 4 no Hospital  do Salnés, dous máis que un día antes. 

Así mesmo, outros 243 pacientes con covid-19 evolucionan nos seus domicilios, de modo que o total de casos activos sitúase en 266, 15 máis que o martes. En total, houbo 23 novos positivos detectados nunha xornada na que se realizaron 342 probas  PCR

Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse na área sanitaria 12.478 pacientes, 8 na última xornada; faleceron 167 e realizáronse ata o momento 186.821 probas  PCR.

EVOLUCIÓN EN GALICIA 

A nivel autonómico, segundo o balance oficial, hai este mércores en toda Galicia 2.233 casos activos, 21 máis que o martes, tras confirmarse 181 novos positivos na última xornada.

Fronte ao aumento da presión asistencial rexistrado na área de Pontevedra e O Salnés, as cifras autonómicas son máis positivas e hai 27 pacientes en UCI, seis menos; e 161 en planta de hospitalización, 15 menos. En total, hai 21 pacientes menos nos hospitais galegos. 

Na área sanitaria da Coruña, os casos baixaron de 685 a 649, 36 menos; en Vigo hai 623, 25 máis; en Santiago de Compostela soben 17, ata 320; en Lugo hai 145 (+6); en Ourense, 139 casos (2 menos); e en Ferrol tamén descenden tres, de 94 a 91.