A asemblea de traballadoras de Bershka decide continuar coa folga

Pontevedra
02 de novembro 2017

O persoal considera insuficiente a proposta económica da dirección, que accedeu a abonarlles o plus de 80 euros do que gozan as súas compañeiras da Coruña pero non o de 50 euros

Asemblea de traballadoras de Bershka CIG

As traballadoras de Bershka da provincia de Pontevedra decidiron por unanimidade en asemblea continuar coa folga ao considerar insuficiente a proposta ofrecida pola empresa de Amancio Ortega, que mantén as diferenzas salariais entre as empregadas da Coruña e as das cinco tendas das Rías Baixas.

O persoal leva o seu oitavo día de folga indefinida cun seguimento do 100% e co peche dos cinco establecementos. As 65 traballadoras volverán concentrarse ante a sede de Inditex en Arteixo durante este vindeiro venres 3.

Segundo informa a CIG, na reunión mantida coa dirección da empresa ofrecíase un plus de 80 euros ás traballadoras de Pontevedra, pero non o de 50 que tamén cobran as empregadas da Coruña. Tentáronse achegar posturas nesa negociación pero finalmente non se acadou o acordo económico. En relación con outras peticións como aumento do tempo de descanso, lactación, vacacións ou permisos, entre outras, si que se chegou a un principio de acordo, pero finalmente as conversas rompéronse pola falta de equiparación salarial que reclaman as traballadoras pontevedresas.

Tampouco se estableceu unha data para retomar os contactos e a representación sindical solicitou a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais (AGA).