O último intento do Goberno estatal para legalizar os pasos a nivel situados na praza dos Praceres encontrouse cun novo revés xudicial. O Ministerio de Fomento aprobou unha disposición adicional da Lei de Ordenación dos Transportes Terrestres que permitía o paso do tren ao nivel da praza, pero a Plataforma en Defensa da Praza dos Praceres alegou e a Audiencia Nacional dálle a razón.
Unha sentenza da Audiencia Nacional publicada este martes no Boletín Oficial do Estado (aínda que datada xa en xuño) estima a cuestión de ilegalidade formulada pola plataforma veciñal e recorrida polo avogado do Estado, de tal forma que se invalida a modificación da lei que intentou realizar Fomento porque non a ve fundamentada.
O presidente da plataforma, Eladio Torres, explica que a sentenza "invalida a resolución do Ministerio de Fomento" e insiste en que esta modificación da Lei de Ordenación dos Transportes Terrestres foi un "intento do Goberno de darlle legalidade aos pasos a nivel e ao que se fixo en Praceres". "Como gañamos todas As sentenzas, Fomento dixo: eu cambio a lei e xa legalizo todo", interpreta ao respecto.
Eladio Torres insiste en que este freo da Audiencia Nacional á modificación da lei se conseguiu porque dende a plataforma "recurrímolo e o tribunal, con bo criterio dun Estado de Dereito, dános a razón" e sinala que era necesaria a publicación da sentenza no BOE a pesar de que xa é do mes de xuño porque Fomento tamén publicou por esta vía a resolución que agora se invalida.
O voceiro veciñal critica este paso dado por Fomento porque intentan pervertir a lei e facela á medida deles" e cuestiona que non se desen pasos para cumprir coa sentenza que xa no ano 2007 ilegalizou os pasos a nivel de Praceres. Non os deu o Goberno estatal do PSOE e non os dá o actual do PP coa pontevedresa Ana Pastor como ministra de Fomento, que si diseñou un proxecto para a supresión que non se aplicou.
Ao respecto, móstrase crítico coa actitude de Ana Pastor e coa coincidencia de que o seu marido, José Benito Suárez Costa, sexa o presidente da Autoridade Portuaria de Marín Ría de Pontevedra. "As decisións de Estado tómanse nos foros pertinentes. Aquí a ministra de Fomento as decisións tómaas na cama, co seu señor, que é o único que quere que o tren quede en superficie".