O Tribunal Supremo ditou unha nova resolución sobre o futuro da vía do tren que pasa pola praza dos Praceres e que acumula unha década e media de batalla xudicial entre o Ministerio de Fomento e os veciños desta parroquia pontevedresa. Unha vez máis, o Alto Tribunal deu a razón ao órgano ministerial e deixa vía libre para que se enterren os pasos a nivel da praza en lugar de soterrar as vías, que era a pretensión veciñal. Ante esta nova resolución, que adiantou La Voz de Galicia este martes, o concelleiro de Infraestruturas de Pontevedra, César Mosquera, ve que se trata dunha "crónica dunha decisión anunciada".
Mosquera valorou a sentenza, que confirma unha previa do mes de maio, asegurando que, na súa opinión, é "unha traxedia". A pesar de estar radicalmente en contra do ditame do Supremo, recoñece que o Concello de Pontevedra nada pode facer xa para evitar o soterramento dos pasos a nivel, pois pesa sobre eles unha sentenza "firme e executable" á que a Administración local xa presentou alegacións e manifestou extraoficialmente a súa oposición ante o Ministerio de Fomento sempre sen éxito.
En opinión de Mosquera, a decisión de Fomento -agora referendada polo Supremo- de enterrar os dous pasos a nivel é "a peor solución posible" e "suporá unha inversión de moitos cartos públicos para deixalo peor", pero o edil de Infraestructuras dáse por vencido e asume que agora "só queda agardar que non se execute".
A decisión implica pechar a antiga praza pública de uso veciñal dos Praceres á cidadanía, que deberá cruzala baixo terra tanto a pé como en coche para que no medio da praza e ao lado da súa igrexa parroquial circule o tren de acceso ao Porto de Marín.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.