A Autoridade Portuaria fixo recollida selectiva de preto de 1.000 toneladas de residuos durante 2017

Pontevedra
26 de xaneiro 2018

Os diferentes sistemas implantados pola Autoridade Portuaria para a recollida selectiva e reutilización de residuos deron como resultado a retirada de 932 toneladas de residuos durante o ano 2017, un 30% máis que no anterior exercicio

Residuos retirados no Porto de Marín Autoridad Portuaria

Os diferentes sistemas implantados pola Autoridade Portuaria para a recollida selectiva e reutilización de residuos deron como resultado a retirada de 932 toneladas de residuos durante o ano 2017, un 30% máis que no anterior exercicio.

A consolidación da recollida selectiva no porto por parte da Autoridade Portuaria e a cada vez maior concienciación dos usuarios facilita a xestión dos diferentes residuos. Deste xeito, unha vez descartados os residuos sólidos urbanos e asimilables, o 73% restante é valorizable ao estar separado en orixe.

Desde que se implantou a recollida selectiva no Porto de Marín, 2017 foi o ano no que se retirou un maior volume de residuos, xa que os sistemas de xestión fóronse facendo extensivos a un maior número de instalacións en toda a comunidade portuaria.

O Porto de Marín converteuse nun referente na xestión ambiental de residuos relacionados coas actividades marítimas e portuarias. O maior volume de residuos separado en orixe corresponde ao papel e cartón, con 312 toneladas, un 85% máis que o ano anterior e os plásticos, con 175 toneladas, un 88% superior ao pasado exercicio. O resto de material de refugallo sometido a recollida selectiva está composto principalmente por redes, burlóns, madeira, vidro ou envases lixeiros entre outros.

A Autoridade Portuaria leva anos implantado diversos programas de xestión ambiental sustentable. Entre eles, os barcos pesqueiros que participaron nos proxectos Nada pola Borda ou PESCAL (Pesca Sustentable en Caladoiros Limpos) seguen coa retirada do mar e depósito nos puntos autorizados de lixo como plásticos, latas, restos de redes, pneumáticos, restos de roupa, madeira, etc.

A pesar de que o proxecto finalizou oficialmente, a Autoridade Portuaria segue mantendo esta actividade co fin de contribuír á limpeza dos mares.