Un ano máis, Pontevedra foi unha das paradas do reto solidario do corredor Germán Aneiros. Chegou a Galicia dende Valencia apenas unhas horas antes e partiu ás cinco da madrugada do domingo de Tui, protagonizando unha carreira en solitario para fomentar a doazón de medula ósea e poder dar alternativa de vida aos afectados pola leucemia.
O seu obxectivo, percorrer os 120 quilómetros que o separaban de Santiago de Compostela a través do Camiño Portugués.
Case sete horas despois, sobre as once e media da mañá, chegaba á cidade do Lérez. Nada máis entrar nela, uníronselle outros tres corredores voluntarios.
Á súa chegada á praza da Peregrina foi recibido por membros da Pontevedrada, da marcha solidaria 700 camisetas contra a leucemia e a Asociación de doadores e receptores de órganos de Vigo (ADROVI).
Germán Aneiros recibiu tamén a asistencia do fisioterapeuta Pedro Cubela, que voluntariamente se prestou na mesma praza da Peregrina a tonificar a musculatura do deportista, ao que aínda lle restaban dende a cidade do Lérez pouco máis de 60 quilómetros de percorrido ata Compostela para completar unha xornada por e para remover conciencias.
Tras unha foto de grupo e en medio dun ambiente animoso e distendido, Germán Aneiros continuou a súa carreira solidaria en solitario, coa única cobertura loxística do seu irmán Pablo, que en todo momento acompañou ao deportista nunha moto de apoio.