A Pontevedrada é unha marcha nocturna de aproximadamente 63 quilómetros que transcorre polo Camiño de Santiago Portugués desde a Cidade do Lérez ata Santiago de Compostela.
Trátase dunha iniciativa solidaria que reúne ingredientes tan positivos como a amizade, a afección polo deporte, o espírito de superación, a aventura… co principal obxectivo de concienciar á poboación da gran importancia que ten para todos a doazón altruísta de sangue, órganos e tecidos.
Con todo tiña unha carencia, faltáballe unha banda sonora, unha sintonía, un himno, algo que acaba de corrixir Vanesa Santiago Rosales que puxo voz e música á Pontevedrada.
Este luns na Casa Azul, a Asociación de Amigos da Pontevedrada presentou o tema oficial "Doantes de Vida", gañándose os aplausos dun emocionado público.
O último sábado do próximo mes de abril collerá a súa guitarra de novo para interpretar este himno na saída da "Pontevedrada 2016", que está chamada a bater récords de participación.