A Brilat conmemora a Inmaculada Concepción con distanciamento e máscaras sanitarias

Pontevedra
08 de decembro 2020

A base Xeneral Morillo en Figueirido acolleu un acto de celebración da patroa da Arma de Infantería que, nesta ocasión debido á pandemia, se realizou seguindo todos os protocolos de seguridade sanitaria e entre un número moi limitado de participantes. O acto tamén serviu, como é tradición, de homenaxe aos militares falecidos

Conmemoración da Inmaculada Concepción 2020 na Brilat
Conmemoración da Inmaculada Concepción 2020 na Brilat / Brilat OC

Este 2020 continúa deixando imaxes inusuais. A diferenza dos últimos anos, nesta ocasión a base Xeneral Morillo en Figueirido (Vilaboa) acollía a celebración do día da Inmaculada Concepción, patroa da arma de Infantería, sen a presenza de público e sen actividades como a xura de bandeira de poboación civil nin condecoracións militares.

A pandemia obrigou a que esta conmemoración se desenvolvera de maneira austera, a través dunha parada militar na que primaban as medidas de prevención e de seguridade establecidas polos protocolos sanitarios para evitar o contaxio do virus.

Por este motivo, toda a actividade neste 8 de decembro limitouse a un sinxelo acto, de carácter interno, moi reducido en canto a participación de persoal, segundo informan desde o gabinete de comunicación da base militar.

Os militares que realizaron o acto na Brilat, dirixida polo xeneral andaluz Luís Cortés Delgado, portaron máscaras e mantiveron a correspondente distancia de seguridade durante esta simbólica parada militar na que non faltou, como é tradicional, a homenaxe aos militares falecidos.