A Brilat despide os máis de 800 militares que iniciarán misións en Líbano e Mali a partir de novembro

Pontevedra
30 de outubro 2018

Durante seis meses, a Brigada Galicia VII estará despregada nestes dous países liderando un destacamento multinacional baixo o mando do Xeneral xefe Antonio Romero. A brigada está formada por 3.500 persoas entre as que se atopan militares da India, Nepal, Indonesia, Serbia, Brasil, El Salvador e China

O Xeneral da Brilat explica as misións que se van realizar no Líbano e en Mali / PontevedraViva

A partir do 13 de novembro, integrantes da Brigada Multinacional Libre Hidalgo, baixo o mando do Xeral Xefe da Brilat, Antonio Romero, comezarán a desprazarse ao Líbano e a Mali.

Alí, despois de tres anos sen actividade desta relevancia internacional, desenvolverán dúas misións en cumprimento dunha resolución do Consello de Seguridade das Nacións Unidas. Este martes, a base cuartel de Figueirido acollía o acto de despedida para os máis de 800 militares españois que participarán nestas misións durante un período de seis meses.

600 viaxarán ao Líbano. Alí, segundo indicaba o xeneral xefe Antonio Romero realizarán un traballo de vixilancia da fronteira e de apoio ás Forzas Armadas Libanesas no seu despregamento nese sector, ademais de colaborar coa poboación civil. Trátase dunha zona que neste momento non resulta perigosa, segundo explicou, porque a situación se atopa "tranquila" na zona aínda que alerta de que en calquera momento "podería romper".

A Mali desprazaranse máis de 200 militares para formar ao exército deste país. Romero indicaba que tamén nesta misión é pouco probable que se produzan situacións de violencia e o maior perigo destas misións poderíase producir por "algún accidente de tráfico" debido á climatoloxía e ás numerosas horas que terán que realizar os integrantes do continxente patrullando.

O xeneral xefe da Brilat estará á fronte dunha brigada multinacional formada por continxentes que proceden da India, Nepal, Indonesia, Serbia, O Salvador, Brasil e China, ademais dos militares españois. En total, o número de efectivos ascende a 3.500. 

"É un fito importante. Estar á fronte da Brilat é sempre unha responsabilidade enorme", apuntaba Antonio Romero, que lembrou que a Brigada 'Galicia' participara anteriormente noutras misións nestes dous países. No Líbano enviouse un continxente nos anos 2007 e 2009 e a Mali no ano 2014.

Durante o acto no que participaron compoñentes do exército brasileiro, o xeneral xefe quixo enviar unha mensaxe de tranquilidade ás familias dos integrantes das tropas que se desprazarán nestas misións.

"A protección dos nosos home e mulleres é prioritaria dentro do cumprimento da nosa misión. Tanto os procedementos empregados como a calidade dos nosos materiais e vehículos garanten unha protección efectiva de todos os compoñentes", afirmou, engadindo que tentarán minimizar ao máximo o risco. Ademais fixo un chamamento para que os soldados desprendan "ilusión e compromiso, moi por encima da mera profesionalidade".

O acto militar, que se viu embazado pola choiva e as baixas temperaturas que se rexistraban na base de Figueirido, estivo presidido polo xefe da división "Castillejos", xeneral de División, Fernando García González-Valerio e contou coa presenza da subdelegada do Goberno, Maica Larriba.