Ataque terrorista no centro de adestramento de Mali onde está despregada a Brilat

Pontevedra
24 de febreiro 2019

Segundo informou o Estado Maior da Defensa, non hai ningún ferido entre os militares españois e todos se atopan ben tras ser atacados por elementos descoñecidos. Si se rexistraron feridos entre os militares de Mali que traballan no centro  

Soldados da Brilat parten de misión cara a Mali
Soldados da Brilat parten de misión cara a Mali / BRILAT

O Centro de Adestramento Koulikoro en Mali no que traballa o continxente militar español destacado no país africano, entre eles soldados da Brilat, foi obxecto dun ataque terrorista na madrugada deste domingo.

Segundo informou o Estado Maior da Defensa, non hai ningún ferido entre os militares españois e todos se atopan ben tras ser atacados por elementos descoñecidos. Si se rexistraron feridos entre os militares de Mali que traballan no centro. 

Segundo informou o Ministerio de Defensa, producíronse dous ataques consecutivos cun coche bomba e armas de asalto. Ocorreu pasadas as 3.00 horas da madrugada do sábado ao domingo, primeiro estourou un coche bomba no acceso principal ás instalacións e pouco despois houbo un ataque con armas longas contra un segundo acceso do centro. Prolongouse ata pasadas as catro da madrugada.

Por mor deste ataque resultaron feridos dous militares de nacionalidade maliana que se atopaban nas inmediacións do lugar onde se produciu a explosión. Os mesmos foron inmediatamente atendidos polos servizos médicos da instalación.

O ataque terrorista sufrido esta madrugada foi rexeitado polas accións defensivas das Forzas Armadas de Malí e os elementos de Protección da Forza do continxente EUTM Mali, segundo informou a conta oficial en Twitter desta misión da Unión Europea.  

A Brigada Galicia VII Brilat con sede na base General Morillo de Figueirido ten en Mali desde o pasado mes de novembro entre 150 e 200 efectivos como parte da misión EUTM Mali XIII, na que hai 300 militares españois. O seu obxectivo principal é o de dar resposta ás necesidades operativas ás forzas armadas malianas mediante formación e asesoramento en mando e control, apoio loxístico e recursos humanos, así como formación en dereito internacional humanitario, protección de civís e os dereitos humanos.

Ademais, os militares españois contribúen, a petición de Mali e en coordinación coa misión multidimensional integrada de estabilización das Nacións Unidas en Mali ( MINUSMA), ao desarmamento, a desmobilización e o proceso de reintegración incluídos no acordo de paz, mediante a realización de sesións de formación para a reconstrución das forzas armadas de Mali.