A agrupación municipal do Partido Popular presentou unha moción para que o pleno da corporación recoñeza os soldados da Brilat que se atopan realizando a misión en Mali. Esta petición débese á intervención de efectivos da brigada para evitar o atentado contra o centro de adestramento de Koulikoro o 24 de febreiro.
150 soldados de diferentes unidades da Brilat atópanse nesa contorna dentro dun destacamento de 300 militares españois. Rafa Domínguez, portavoz do Partido Popular, sinalaba que con esta moción queren mostrar o seu apoio e respecto á Brilat, ademais de defender a permanencia da base situada en Figueirido.
Domínguez afirma que "forma parte da cidade e por iso é necesario que se atopen arroupados e queridos, máxime nestes momentos". Ademais, desde o grupo popular afirman que a Brilat é unha das principais "empresas da cidade e da comarca", cun impacto económico directo de 43 millóns de euros anuais, segundo o Observatorio Urbano de Pontevedra.
Lembra tamén as ao redor de 20 misións de paz que os efectivos da Brilat realizaron en distintos países desde 2005, proxectando a imaxe da cidade no exterior. Por este motivo, quere que tamén haxa un recoñecemento aos integrantes do exército español, procedentes da Brilat, que se atopan desprazados no Líbano.