A Cabalería da Garda Civil reforza a seguridade na Lanzada

O Salnés
19 de agosto 2018

Tres xinetes do Escuadrón de Cabalería da Garda Civil, coas súas correspondentes monturas, integráronse este sábado no dispositivo de seguridade que despregan habitualmente os Postos da Garda Civil do Grove e Sanxenxo ao redor da praia da Lanzada 

Intervención dos xinetes do Escuadrón de Cabalería da Garda Civil na praia da Lanzada Guardia Civil de Pontevedra

O Escuadrón de Cabalería da Garda Civil reforza desde este sábado as patrullas de seguridade cidadá e do Seprona na praia da Lanzada, unha paraxe natural que reúne durante o verán unha importante afluencia de turistas. 

Tres axentes, coas súas correspondentes monturas, integráronse pola tarde no dispositivo de seguridade que despregan habitualmente os postos da Garda Civil do Grove e Sanxenxo ao redor da praia da Lanzada e, segundo informou da Garda Civil, non tardou en xurdir o primeiro auxlio e colaboración, pois os axentes localizaron un coche aberto con todo a equipaxe á vista susceptible de ser vítima de calquera delito contra o patrimonio e custodiárono ata a localización do condutor.

A Garda Civil lembra que o auxilio e a atención ao cidadán, a prevención de roubos en interior de vehículos e o coidado e a protección da natureza son as principais misións que realizan durante a época estival nesta contorna natural, que constitúe un dos ecosistemas dunares máis representativos do litoral galego, integrado na Rede Natura 2000.

O Escuadrón de Cabalería da Garda Civil ten destacados en Pontevedra a seis xinetes coas súas respectivas monturas no marco da Operación Verán para a prevención de incendios forestais e a seguridade do Camiño de Santiago. 

Cabe apuntar que esta unidade ten unha ampla tradición e experiencia, non só na extinción de incendios forestais, senón tamén na prevención e mantemento da seguridade cidadá.

A campaña de verán da Garda Civil comezou o 1 de xullo e en toda Galicia suma 2.300 efectivos. O dispositivo implica a persoal de distintas unidades da Garda Civil das catro provincias galegas -Servizo de Protección da Natureza (Seprona), Agrupación de Reserva e Seguridade, Seguridade Cidadá, Policía Xudicial, Servizos de Informacion e Unidade Aérea- e reforzouse con 60 axentes do Escuadrón de Cabalería e máis medios procedentes de unidades chegadas de distintos puntos de España.