A cabalgata de Reis de Moraña parará en todas as parroquias para evitar aglomeracións

Umia
31 de decembro 2021

Moraña mantén o itinerario previsto para a cabalgata dos Reis Magos, pero realizará algunhas modificacións pensadas para evitar aglomeracións ante o avance da pandemia. Así, non haberá participación de nenos e nenas nas carrozas e só sairán os tres Reis Magos

Visita dos Reis Magos a Pontevedra Mónica Patxot

Moraña mantén o itinerario previsto para a cabalgata dos Reis Magos, pero realizará algunhas modificacións pensadas para evitar aglomeracións ante o avance da pandemia.

Así, non haberá participación de nenos e nenas nas carrozas e só sairán os tres Reis Magos, a partir das 16.30 horas, e realizarán o mesmo itinerario inicialmente previsto.

O que solicita o Concello á veciñanza é que as persoas que saian ver a cabalgata o fagan desde a parada da súa propia parroquia, sen desprazarse e sen baixar ao centro de Santa Lucía, evitando deste xeito aglomeracións de persoas.

O itinerario será: Campo de Lebón - Campo da Festa de Alberguería - Igrexa de Saiáns - Igrexa de Rebón - Soar - Cosoirado-Cemiterio - Capela dos Milagres de Amil - Casa Giao-Sorrego - Marquesina de Paraños - Molina-Alende - Parque da Bouza - Carballeira de Santa Xusta - Fonte de Trambosríos - Marquesina de Penagrande - Pumariño - Carballeira do Souto.

No casco urbano de Santa Lucía, a cabalgata fará paradas no Buelo, a Rúa 3, a Rúa 1, a Rúa 12, a Rúa Dr. Batallán, a Rúa 2, a Rúa 7 e a Rúa 6.

Ademais, suspenderase tamén o chocolate con rosca que estaba previsto.